Rehabilitación dos camiños da Rede Natura en Cambados e Ribadumia

Hernández_paseos protección ambiental Ribadulla

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas potenciará o litoral da comarca dos concellos de Cambados e Ribadumia con dúas novas actuacións en sendas e camiños para aqueles concellos que se atopan en zona de Rede Natura. Así, en Cambados poderase acondicionar a senda fluvial do río Umia, que implica un investimento de 20.000 euros; mentres que no Concello de Cambados se executará a limpeza de pistas e camiños na zona intermareal na zona de Sisan.

Estas dúas accións suman un importe de 40.000 e son axudas que se inclúen dentro do orzamento de máis de 2 millóns que a Xunta de Galicia destinará a 121 concellos incluídos na Rede Natura.

Estas partidas permiten aos distintos concellos dispoñer de orzamentos para executar tarefas de mellora da paisaxe, manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; ao tempo que se recupera ou restaura elementos históricos patrimoniais.

Así o puxo de manifesto esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que supervisou os traballos executados para definir un sendeiro peonil autoguiado de 5 quilómetros de lonxitude, que discorre polo litoral da parroquia cambadesa de Castrelo, entre os lugares de Bico da Ran e Punta Arfolín.

Esta actuación implicou un investimento de máis de 250.000 euros (256.355) dos cales un 70% correspóndense á achega da Xunta de Galicia e que se traducen en case 180.000 euros, nos que se inclúen os Fondos FEDER. A partida restante foi asumida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, case 77.000 euros.

Trátase dun conxunto de pasarelas con 16 indicadores e 2 paneis interpretativos que conforman unha infraestrutura de uso público dentro do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ons – O Grove, o cal é ademais humidal protexido. O conselleiro sinalou que grazas a esta actuación fanse transitables puntos nos que o acceso non era posible, aproveitando no resto do trazado os camiños existentes, ao tempo que se recupera e revitaliza esta zona.

As obras consistiron na desmontaxe da pasarela existente no punto quilométrico 2+550 da actuación, que estaba en zona inundable de marisma, realizouse unha senda en xabre, retranqueando o sendeiro para non invadir esa zona, e a construción de 2.200 metros de senda en xabre. Tamén se instalaron 7 pasarelas de madeira (67 metros en total) de diferentes lonxitudes e procedeuse á rozadura e retirada de lixo en todo o treito, tal e como se recolle na imaxe.

Agradeceu a colaboración dos veciños que cederon a zona de servidume de paso dos terreos polos que discorre a actuación, grazas á intermediación do Concello de Cambados.

O conselleiro destacou o esforzo que o seu departamento está a facer pola recuperación e mellora dos contornos fluviais, xa que a estas actuacións hai que engadir a restauración das marxes e itinerario fluvial no río Umia, ao seu paso polos concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa. Unha actuación executada en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que achegou 300.000 euros, mentres que Augas de Galicia redactou os proxectos de restauración e protección dos treitos de río obxecto dos traballos. Estas actuacións finalizaron a comezos deste mesmo ano.

SANEAMENTO FEFIÑÁNS

Medio Ambiente prevé licitar as obras do saneamento integral do Saco de Fefiñáns, no Concello de Cambados, ao longo deste mes de agosto. Trátase dunha actuación que implica un investimento de 1.135.495 euros e cuxo prazo de execución se estima dun ano.

Recordou que o Consello da Xunta aprobou, recentemente, a colaboración técnico- financeira entre Augas de Galicia e o Concello, para a execución da Fase II do proxecto de recollida de verteduras no Saco de Fefiñáns, que se licitará conxuntamente coa Fase I, de menor importe, para rematar así dunha vez o saneamento do saco.

Os traballos que se van executar permitirán a eliminación de todas as verteduras de augas residuais que se están a efectuar por parte dun conxunto de vivendas non conectadas á rede de saneamento municipal, que verten directamente ao Saco ou ben ao río Corvillón.

O proxecto de Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns, no concello de Cambados, definiuse a partir do Plan de saneamento local da Ría de Arousa, que estudou co máximo detalle o funcionamento das redes de saneamento para atallar as súas problemáticas, especialmente en tempo de chuvia.

RÍO ARMENTEIRA

Tal e como anunciara o departamento que dirixe Agustín Hernández, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén supervisou esta mañá as obras de mellora da ponte sobre o río Armenteira, ubicada en Ribadumia, concretamente na estrada que une a localidade pontevedresa de Barrantes con Vilariño (CP-9506).

O proxecto, cuxas obras e iniciaron hoxe, permitirán rehabilitar a ponte, aumentando a súa luz de 10 a 20 metros, o que permite situar os estribos fóra do leito do río. Deste xeito, a nova obra facilitará os desaugamentos e evitará que a ponte constitúa un obstáculo ao paso da auga nas crecidas do río. Ao mesmo tempo, esta intervención urxente contribuirá a evitar que a auga incida sobre a súa estrutura.

Os traballos centraranse na reconstrución da ponte e para realizar esta actuación prevese unha inversión de case 240.000 euros, que axudarán ademais a continuar a senda peonil para enlazar co futuro paseo desde a ponte de Barrantes ata a desembocadura do río Umia. A obra será executada a través dunha encomenda á empresa pública Tragsa, entidade que traballará ao longo do mes de agosto, co fin de rematar os traballos antes do outono.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar