O Concello de Pontevedra estuda accións contra ENCE por un escape de gas

ence-celulosa
O Concello de Pontevedra, a través do seu gabinete xurídico, está a estudar a posibilidade de expedientar a Ence pola fuga de gases á atmosfera que se produciu o pasado domingo a causa dun fallo eléctrico na caldeira de recuperación, segundo a versión da empresa.
O goberno local xustificou este martes esta medida argumentando que «sempre se fixo» así cada vez que a fábrica pastera protagonizaba algún incidente desas características.
Ao respecto, o goberno local ápoiase nas súas competencias en materia ambiental e territorial para «poñer todo o seu esforzo en conseguir que Ence saia canto antes» da súa actual situación, en terreos de dominio público marítimo-terrestre, onde os responsables da Administración local consideran que a pastera «desprega o seu potencial contaminante», engade nun comunicado.
Fontes municipais precisaron que esperan que a empresa lle comunique ao Concello, de xeito oficial, as características do incidente oloroso que provocou irritacións respiratorias a unha parte da poboación. Ademais, o goberno local volveu criticar a «opacidade» da empresa debido a que a incidencia «solo se fixo pública» cando a voceiro municipal, Carme da Silva, comunicouno aos medios de comunicación.
En canto aos directivos da fábrica de Ence en Pontevedra, «só falan cando non lles queda máis remedio», recriminaron por parte do equipo de goberno do Concello, «sen achegar datos precisos sobre as características da fuga», engaden nun comunicado.

DISCIPLINA URBANÍSTICA

O goberno local de Pontevedra recordou que «grazas á acción da disciplina urbanística municipal», Ence non chegou a desenvolver o seu proxecto de construción dunha fábrica de papel, «que consolidaría a súa presenza no ecosistema natural que invade actualmente».
Ademais, critica que o Goberno Central -coa «anuencia» da Xunta- promulgou a Lei de Costas para favorecer que «empresas tan mal situadas como esta poidan seguir prexudicando o territorio», conclúe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar