No que vai de ano a Xunta axudou económicamente a cen mulleres víctimas de violencia

Susana Lopez Abella

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, fixo balance nunha rolda de prensa das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero no primeiro semestre do ano 2013. Entre outros datos, destacou as 119 axudas económicas a vítimas e as 244 persoas beneficiarias do programa de atención psicolóxica.

Ademais de polos datos estatísticos, López Abella destacou o paso adiante que deu a Xunta de Galicia na loita contra a lacra da violencia de xénero, ao acordar recentemente personarase como acusación popular en todos os casos de morte por violencia de xénero na nosa comunidade. O acordo foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado 11 de xullo.

A titular de Igualdade quixo contextualizar o alcance desta problemática e para elo explicou que nos seis primeiros meses do ano houbo unha vítima mortal e os xulgados ditaron ordes de protección e e medidas cautelares sobre 461 mulleres. Tamén informou de que hai 503 vítimas protexidas con dispositivos de telelocalización e 17 agresores con sistemas de seguimento telemático das medidas de afastamento. Ademais, ata finais de marzo -últimos datos facilitados polo CGPJ-, o número de denuncias presentadas ascenderon a 1.242.

Neste primeiro semestre de 2013, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu 119 axudas económicas a mulleres vítimas de violencia de xénero. A maior parte destas axudas, 113, correspóndense coa modalidade de pagamentos mensuais, nas que as vítimas reciben durante doce meses cantidades que oscilan entre os 300 e os 800 euros mensuais. O resto de beneficiarias recibiron axudas de pagamento único, por acreditar insuficiencia de recursos e especiais dificultades para acceder a un emprego.

Xeograficamente, das 119 mulleres perceptoras destas axudas, o maior número corresponde a mulleres residentes na provincia da Coruña, con 44 casos; seguida de Pontevedra, con 41; Lugo con 18 mulleres e Ourense con 16. O 80 por cento das beneficiarias eran de nacionalidade española.

O balance semestral achega tamén o dato de 244 participantes no programa de atención psicolóxica que desenvolve a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Destas 244 persoas 168 eran mulleres, 66 fillos e fillas menores e 10 persoas con dependencia directa da vítima.

O programa Abramos o círculo, dirixido a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, contou coa participación de 55 usuarios; e un total de 100 mulleres accederon ao programa de inserción laboral para o colectivo de vítimas de violencia de xénero da Consellería de Traballo e Benestar Social.

Centros de acollida
Sucesivamente e ao longo de todo o ano, foron atendidas como residentes na rede de casas de acollida un total de 69 mulleres e 62 menores. Esta rede está composta polo Centro de Emerxencia para Mulleres en Vigo e cinco casas de acollida de titularidade municipal en A Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo e Ferrol.

As consultas ao Teléfono de Información á Muller 900 400 273, conveniado co 016, ascenderon a 2.956 e estiveron centradas na súa maioría en atención psicolóxica (59%), consultas sobre recursos a disposición das vítimas (16%) e temas xurídicos (15%).

O servizo de asesoramento xurídico online recibiu 56 consultas, centradas en asuntos como a conciliación familiar, o dereito de familia e a quenda de oficio. Pola súa parte, o servizo de teletradución que Igualdade ten instalado nos CIMs e nas ONGs que traballan na asistencia a mulleres, permitiu a atención ás usuarias en 7 idiomas diferentes, fundamentalmente o árabe e o inglés.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar