A Deputación de Ourense, primeira de Galicia en poñer en marcha un Campus Virtual

Carlos Castiñeiras e Manuel Baltar.
Carlos Castiñeiras e Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense é a primeira de Galicia en poñer en marcha un Campus Virtual de Formación, unha plataforma tecnolóxica que permite impartir cursos e accións formativas a traballadores da administración local nos ámbitos financeiro, fiscal, medioambiental e de procedemento administrativo. En concreto, este ano 2013, o Campus Virtual da Deputación de Ourense ofrece cinco cursos on line para 200 participantes, algo que, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, “é unha maneira máis de seguir achegando a Deputación de Ourense aos cidadáns e amosando a nosa firme aposta pola innovación tecnolóxica”.

Manuel Baltar destacou na presentación do programa formativo da Deputación de Ourense para 2013 que se centra “nos ámbitos de formación que máis necesitan os traballadores públicos, para poder dar un servizo cada día mellor aos cidadáns, que é para quen estamos a xestionar os recursos públicos”.

Baltar presentou o programa formativo acompañado polo xefe da Sección de Formación, Calidade e Avaliación, Carlos Castiñeiras, programa no que destaca que o orzamento en formación para este ano ascende a 130.064 euros, dos cales, por primeira vez, a institución provincial achega 50.000 euros, e o restante provén do Instituto Nacional de Administración Pública.

A Deputación de Ourense, que imparte formación a máis de 4.000 traballadores públicos da provincia, programou para este año un total de 50 cursos e accións formativas –que abranguen 1.215 horas-,dos cales 42 serán en modalidade presencial, 6 on line e 2 semipresencial.

As temáticas que se desenvolverán corresponden ás áreas de informática e novas tecnoloxías (8 cursos), Prevención e riscos laborais (8 cursos), Xurídico procedimental (3 cursos), Económica e orzamentaria (2 cursos), e as áreas Urbanismo, Unión Europea, Comunicación e Recursos Humanos, cun curso cada unha. Ademais impartiranse na área de Formación específica 12 cursos no ámbito do transporte de mercadurías, construción, seguridade vial e manexo de maquinaria, entre outros, e complétase o programa formativo con 8 xornadas técnicas de formación nos ámbitos da administración local, saúde laboral, prevención do tabaquismo, fisioterapia e manipulación de cargas.

Ademais da implicación das entidades locais da provincia neste programa de formación, a Deputación de Ourense salienta as achegas que por parte das centrais sindicais CCOO, UGT, CSIF e CIG se veñen facendo dende hai anos no marco da mesa provincial de formación, o que fai posible a viabilidade do plan de formación e a súa adecuación ás demandas e necesidades dos traballadores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar