O Centro Galego de Frankfurt convértese en escaparate de Galicia

 

Galicia, no centro de Frakfurt.
Galicia, no centro de Frakfurt.

O stand para dar a coñecer a Comunidade Autónoma na Semana Cultural Galega de Frankfurt, organizada polo Centro Cultural Galego desta cidade coa colaboración das secretarías xerais da Emigración e Turismo, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño -dependente da Consellería de Economía e Industria-, foi un dos máis visitados nesta edición do evento que tódalas primaveras ten lugar na capital financeira alemá. A iniciativa da ‘Semana Cultural Galega’ leva anos divulgando e promovendo a cultura e folclore galegos en terras alemás.

A instalación consistía nunha mostra de 75 imaxes turísticas de Galicia seleccionadas ad hoc para o público alemán, montadas a modo de estrutura arbórea, que salientaban algúns dos maiores atractivos da Comunidade, como o Camiño de Santiago, xoias paisaxísticas, elementos patrimonios da Humanidade e iconas senlleiras da nosa cultura.

O prato forte –nunca mellor dito- do stand foi o labor realizado polo cociñeiro Álvaro Villasante, integrante do «Grupo Nove», que fixo as delicias dos máis de mil visitantes diarios cos seus show cookings, é dicir, mostras en directo das maneiras de cociñar os produtos e pratos máis senlleiros da gastronomía galega, polo que a afluencia de visitantes foi crecendo de xeito moi significativo segundo pasaban os catro días de duración do evento.


VOCACIÓN DE CONTINUIDADE

A Xunta, a través dos organismos mencionados, pensou en apoiar e completar esa iniciativa a través deste exitoso stand, coa finalidade de proxectar a imaxe turística, artesá, gastronómica, e de innovación e deseño da Galicia actual nun dos enclaves nos que se asenta o motor económico de Europa, e dar a coñecer as imaxes e sabores da terra da que procede a importante colonia galega asentada en Frankfurt.

Vista a receptividade amosada pola poboación de acollida, a experiencia repetirase noutras citas similares nas que participen comunidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial. De feito, varias casas galegas en Alemaña e noutros países europeos xa solicitaron tal colaboración. Así, en breve prazo, o stand instalarase en Xenebra, Santurtzi, Sevilla, e Barcelona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar