A Policía autonómica especialízase en violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, inauguraron hoxe na Estrada o curso de “Aproximación á operativa policial ante casos de violencia de xénero”, que impartirá a Academia Galega de Seguridade Pública a preto de 40 axentes da Policía Autonómica.

Durante o seu discurso, a titular de Igualdade avogou pola formación específica dos axentes que interveñan en casos de violencia de xénero, para garantir que as vítimas desta lacra social reciban unha atención axeitada. Neste sentido, López Abella agradeceu a súa vontade de aprender e seguir formándose, nunha clara demostración do seu compromiso e a súa vocación de servizo público.

Desde o principio desta lexislatura, cando a Vicepresidencia da Xunta asumiu a Secretaría Xeral de Igualdade, comprometeuse a ampliar a colaboración deste departamento coas áreas de seguridade e xustiza. Fíxose entón o compromiso de plasmar esa coordinación cun Plan Integral de Formación en Violencia de Xénero, que hoxe, coa inauguración deste curso, inicia o seu desenvolvemento.

A formación específica achegará aos axentes da Policía Autonómica as aptitudes necesarias para facer un rápido recoñecemento da existencia de malos tratos, comprender e saber afrontar as posibles reaccións da vítima, ter consciencia de cales son os recursos sociais dispoñibles para elas e ter tamén coñecemento sobre cómo se desenvolven posteriormente as actuacións xudiciais sobre estes casos.

Para todo iso, os alumnos do curso contarán con expertos e expertas profesionais nos diversos ámbitos de toma de conciencia e tratamento da violencia de xénero: profesionais das asociacións, centros de acollida ás vítimas, administración autonómica, Corpo Nacional de Policía especializado, profesionais da atención psicolóxica ás vítimas, e dos órganos xudiciais, xuíces e fiscais que tratan día a día con esta lacra social.

GRUPO ESPECIALIZADO

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva explicou que estes axentes, máis capacitados e sensibilizados coa violencia de xénero, serán o primeiro chanzo para constituír, unha vez se incorporen os axentes que completarán o cadro de persoal da UPA, un grupo especializado nesta materia, que reforce o papel que veñen tendo nestes casos as forzas e corpos de seguridade do Estado.

 

Así mesmo, o curso da Agasp complementa aos que dende a Xunta de Galicia estanse promovendo para os avogados da quenda de oficio que atenden casos de violencia de xénero, uns cursos que xa se comezaron a desenvolver en Santiago e Pontevedra e que se estenderán proximamente ao resto de Colexios de Avogados de Galicia.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade agradeceu de novo a implicación dos axentes e incidiu na necesidade dunha resposta inmediata e coordinada por parte de todas as administracións para loitar contra o que cualificou como un problema público e social de primeira magnitude.

López Abella rematou a súa intervención lanzando a mensaxe de que “hai saída para a violencia” e destacou que os axentes participantes no curso serán o primeiro chanzo co que as vítimas contarán para conseguir esa saída.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar