Ourense, na procura de proxectos empresariais transfronteirizos

Reunión Manuel Baltar con CEO e CEP_DUAS

 

Potenciar os proxectos transfronteirizos entre España e Portugal contribuirá a mellorar a economía das catro provincias galegas. Así o manifestaron hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os presidentes das confederacións de empresarios de Ourense e Pontevedra, José Manuel Pérez Canal e José Manuel Fernández Alvariño, respectivamente, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial para analizar a importancia que ten “o desenvolvemento de proxectos transfronteirizos na eurorrexión, algo que fai permeable a nosa economía e a de Portugal, permitindo que ámbalas dúas gañen en competitividade e intercambio de oportunidades de negocio”, afirmou o presidente provincial.

Os tres dirixentes concordaron en que “a máis proxectos comúns entre España e Portugal, máis dinamismo económico e máis postos de traballo”, e destacaron que o feito de que Ourense sexa “a centralidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” facilita o desenvolvemento de proxectos estratéxicos, entre os que Manuel Baltar citou o da Eurocidade Verín-Chaves e outras iniciativas que a Deputación de Ourense, como administración pública, ven desenvolvendo con socios portugueses e doutros países de Europa nos ámbitos do turismo, a economía ou a cultura.

Cos avances que a Deputación de Ourense está a acadar coa cooperación intermunicipal, “permitindo sermos máis eficientes e eficaces como administración e posibilitando a redución de custes e a prestación de mellores servizos, temos que seguir afondando na cooperación entre administracións de España e Portugal no noso ámbito de actuación, aproveitando non só a contorna xeográfica senón todas as similitudes que nos unen, como son as idiomáticas, culturais e económicas, porque internacionalizarse non é competir, senón aliarse co progreso”, expresou Manuel Baltar

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar