Programa para o fomento do emprego socio-sanitario na provincia de Ourense

– O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe o programa “Innova Emprego”, unha iniciativa promovida pola institución provincial que ten como obxectivo fomentar a creación de emprego no sector socio-sanitario na provincia de Ourense. Nas primeiras accións do programa participarán un total de 150 demandantes de emprego –maioritariamente mulleres-, que percibirán durante catro meses un salario mensual de 400 euros, o 75% do IPREM, o máximo permitido polo Fondo Social Europeo Este período divídese en dous meses para actividades formativas e dous meses de prácticas.

O orzamento co que conta este programa é de 2.478.935 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo «Adaptabilidade e Emprego». É un dos 59 proxectos aprobados para España co obxectivo de facilitar a inserción socio-laboral a demandantes de emprego a través de programas mixtos de formación e inserción laboral.

No acto de presentación, Manuel Baltar estivo acompañado do director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, e da adxunta á dirección desta área, Montserrat Rodríguez.

Este proxecto de políticas activas de emprego da Deputación de Ourense considera diferentes itinerarios de cualificación laboral, cada un deles nun ámbito de actividade e dirixidos a colectivos moi diferentes que van dende mulleres desempregadas e sen cualificación ata mozos/as licenciados/as universitarios/as en situación de desemprego. Os colectivos identificados como potenciais beneficiarios para a cualificación e recualificación profesionais para o emprego foron determinados por presentar índices de esemperego altos dentro da provincia.

 

DEMANDA LABORAL

Para a súa implantación, a Deputación de Ourense ten divido a provincia en catro áreas e 11 zonas denominadas «zonas de actuación», que estruturan o territorio provincial en atención a criterios de poboación e distancia. O obxectivo é que toda a provincia se beneficie dos diferentes itinerarios de cualificación profesional no interese de achegar as oportunidades ás persoas e facilitar a súa participación en proxectos de políticas activas de emprego. Esta semana dará comezo un dos itinerarios de cualificación profesional do proxecto: Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. En cada zona seleccionáronse os participantes a través das oficinas do Servizo Público de Emprego correspondentes.

3.000 HORAS DE FORMACIÓN

O programa é mixto, pois abrangue formación e inserción laboral, polo que as persoas participantes terán a posibilidade durante catro meses de adquirir formación e experiencia laboral nun ámbito de traballo no que existe demanda de recursos humanos na provincia de Ourense. Para iso, complementarase a formación teórica, impartida por docentes cualificados nas distintas materias, coa inmersión laboral. A fase teórica terá unha duración de dous meses, contando con 105 expertos docentes que desenvolverán 3.025 horas de formación especializada.

Debido á maior taxa de desemprego e a menor taxa de actividade que presenta na provincia de Ourense o colectivo feminino, este ten acceso prioritario ao proxecto, e só no caso de non se cubrir as prazas por mulleres nalgunha acción formativa podería ter acceso o colectivo masculino. Das 150 prazas, un 37% dos participantes son maiores de 45 anos, e en canto ao nivel formativo, un 61% teñen un nivel formativo equivalente á educación primaria ou inferior. En termo de permanencia no paro, un 27% levan menos de 6 meses, un 28% entre 6 meses e un ano, o 45% levan máis dun ano.

COOPERACIÓN EMPRESARIALl

A Deputación de Ourense deseñou unha cualificación laboral no que ten especial importancia o período de inmersión laboral en empresas. Para iso, establecéronse convenios con empresas do sector de actividade do coidado de persoas en situación de dependencia, que veñen traballando nas distintas zonas de actuación do proxecto, para colaborar nesta fase.

Trátase de que as persoas participantes teñan un coñecemento real do traballo a desenvolver e a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos baixo a tutela e guía dos seus formadores e dos coordinadores das diferentes empresas. Esta inmersión tamén permite ás empresas coñecer a formación coa que contan estas persoas e comprobar as súas habilidades laborais, converténdose nunha ponte entre o traballador e o potencial empresario que, unha vez finalizada a formación, poida materializarse nunha relación laboral.

Salario de formación

O proxecto previuse para que conte con todos os elementos necesarios para incentivar os participantes e xerar un ámbito análogo ao laboral. Neste sentido, un dos elementos máis substanciais é o dereito que adquiren as persoas seleccionadas a percibir, durante todo o tempo que dure a formación, o chamado «Salario de Formación»: mensualmente e cunha sistemática semellante a unha nómina, cada persoa recibirá o equivalente ao 75% do IPREM, 400 €, o máximo permitido polo Fondo Social Europeo.

Para a implantación do proxecto, a Deputación ten divido a provincia de Ourense en catro áreas e 11 zonas denominadas «zonas de actuación», que estruturan o territorio en atención a criterios de poboación e distancia. O obxectivo é que toda a provincia se beneficie dos diferentes itinerarios de cualificación profesional no interese de achegar as oportunidades ás persoas e facilitar a súa participación en proxectos de políticas activas de emprego.

Esta semana dará comezo un dos itinerarios de cualificación profesional do proxecto: Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. En cada zona seleccionáronse os participantes a través das oficinas do Servizo Público de Emprego correspondentes.

Para máis información: José Juan Cerdeira, 988 385 226

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar