O salón «Salimat» de Silleda terá como novidade a alimentación ecolóxica

Salón Salimat_Silleda

O 17º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2013, o cal terá lugar do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia, acollerá como novidade unha gran área monográfica de alimentos ecolóxicos que combinará exposición e degustación de produtos con numerosas actividades relacionadas.

O obxectivo deste espazo, coorganizado coa empresa Fogar do Santiso, é dinamizar o sector, informar sobre a importancia da agricultura ecolóxica, fortalecer e crear sinerxias dentro da cadea se alimentación ecolóxica.

Nel reuniranse os sectores primario, secundario e terciario implicados, levándose a cabo accións de gran interese. Así, esta área contará cun restaurante exclusivo de comida ecolóxica onde se poderán degustar produtos tanto galegos como doutras comunidades autónomas, ao tempo que acollerá unha cata-maridaxe de viños ecolóxicos de diferentes Denominacións de Orixe dirixida a profesionais e talleres de cociña para nenos.

Por outra banda, levarase a cabo unha charla técnica enfocada aos profesionais da agricultura ecolóxica, por conta do director técnico do CRAEGA, Ernesto Sánchez Delgado. E tamén, baixo o título “A colaboración como estratexia para o sector agroecolóxico”, contarase cun foro participativo que ten como fin analizar as fortalezas e debilidades do sector e fomentar alianzas entre os seus diversos axentes, o cal estará dirixido polos consultores de “responsabilidade social corporativa” para peme Mercedes Fernández e Tito Diéguez.

Show cooking e microspeechs

Este programa de actividades protagonizado pola alimentación ecolóxica pecharase cun Show Cooking centrado na cociña de produtos ecolóxicos na brasa, no que participarán Fogar do Santiso, a cooperativa de produción de carnes de tenreira de razas autóctonas galegas Biocoop e a empresa de fornos brasa Josper.

Ademais, todas as tardes as empresas interesadas poderán presentar produtos e proxectos a través de microspeechs, coa fin de crear acordos de negocio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar