Maís medios contra as enfermidades graves na sanidade pública

Feijóo_patologias oncológicasO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o firme apoio que a Xunta de Galicia quere prestar á loita contra o cancro, a través de medidas pioneiras como a Lei de garantías de prestacións sanitarias, que prioriza a atención ás enfermidades graves, ou mediante o incremento nun 25 por cento das vías rápidas, para que os pacientes con patoloxías oncolóxicas poidan ser atendidos nos hospitais galegos en menos de 15 días.

O presidente galego asistiu hoxe ao acto de entrega do II Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal-Fundación La Rosaleda ao oncólogo catalán José Baselga, quen representa, dixo, “a toda unha xeración de científicos que teñen entregado a súa carreira a poñer luz sobre unha enfermidade que, décadas atrás, se revelaba escura, e que hoxe en día a investigación médica está conseguindo descifrar”.

Axilizar a atención ás enfermidades graves
Feijóo subliñou que a oncoloxía é un campo que “demanda de toda a nosa atención”. “Demanda atención científica que poida encontrar tratamentos infalibles contra o cancro, e demanda unha atención sanitaria áxil, certeira nos diagnósticos e rápida nas intervencións”. E con este compromiso, dixo, está traballando a Xunta de Galicia.

“A nosa sanidade ten que ofrecer un diagnóstico precoz e respostas inmediatas. Por iso, establecemos nos nosos hospitais un 25 por cento máis de vías rápidas para que os pacientes con patoloxías oncolóxicas poidan ser atendidos en menos de 15 días. E, por iso, estamos reforzando a Atención Primaria e reformulando un novo modelo de listas de espera que dea maior prioridade aos pacientes crónicos”, remarcou.

Galicia, manifestou, “está volcando todos os seus esforzos en conseguir que a súa sanidade pública sexa máis eficiente e máis accesible en tempo e forma”, asegurou. “Correspóndelle á ciencia e á medicina abrir novas vías para a diagnose e o tratamento; pero correspóndenos a nós, os gobernos, facelos máis accesibles á cidadanía, e impulsar e patentar o seu desenvolvemento”, abundou.

Protexer por lei os dereitos dos pacientes
A Lei de prestacións de garantías sanitarias, dixo, persegue este obxectivo, dando resposta a un mandato electoral para “dar amparo ao paciente e cobertura legal ao seus dereitos”. O primeiro e fundamental, puntualizou, “que poida ser atendido o antes posible”, para o que fixa un prazo máximo de espera en función da súa gravidade. Ademais de outorgarlle liberdade para para a elección de médico, de centro ao que fose derivado, e para solicitar unha segunda opinión médica ou manifestar o modo en que quere ser atendido, de non poder facelo persoalmente.

A defensa que a Xunta está facendo da sanidade pública “coma un dereito fundamental” e unha tarefa irrevocable é hoxe, dixo, “o que nos distingue doutras comunidades, aínda centradas no debate dos axustes”. Unha sanidade pública, proseguiu, exemplo para moitos países e que “debe ser un terreo impenetrable para outros intereses que non sexan o servizo público e a salvagarda do benestar e a calidade de vida dos cidadáns”.

O presidente da Xunta recoñeceu que os éxitos de profesionais como Baselga “son os éxitos do noso sistema sanitario público”, en cuxa defensa o Goberno galego ten traballado coa máxima dilixencia para blindalo ante a crise e “garantir a súa eficiencia e calidade asistencial”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar