Axudas económicas para que un autónomo poida contratar ata tres traballadores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que a folla de ruta do Executivo autonómico en materia de emprego incluirá axudas aos autónomos para a contratación indefinida de ata tres traballadores. Trátase, incidiu, dunha media coa que dá cumprimento ao compromiso adquirido no discurso de investidura e que sitúa Galicia como unha das primeiras comunidades en poñer en marcha esta iniciativa. Así o asegurou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe coñeceu un informe sobre o investimento que a Consellería de Traballo e Benestar está realizando de cara a mellorar a empregabilidade dos galegos e das galegas ao longo de 2013.

Nesta liña, Feijóo resaltou que a comunidade galega foi pioneira na pasada lexislatura ao incluír axudas á contratación do primeiro autónomo e agora volve estar entre as primeiras que articulan medidas para a contratación do segundo e do terceiro traballador.

Deste xeito, o Goberno galego vai destinar un total de 138 millóns de euros a mellorar a empregabilidade de 37.500 galegos. “E hai, unha serie de novidades”, abondou, remarcando que unha delas é a de “ampliar as axudas existentes á contratación indefinida de autónomos: que un autónomo poida contratar, mediante unha axuda, non só a outro autónomo máis, senón ata chegar a tres”, enfatizou.

Na súa intervención, o mandatario galego referiuse aos datos da EPA coñecidos hoxe. Destacou, así, que Galicia sigue cun diferencial case de 5 puntos, cun paro de 5 puntos por debaixo da media de España; e é a sexta comunidade autónoma con menor incremento do paro. Pero a pesares disto, dixo, “é evidente que a situación na Enquisa de Poboación Activa en España e en Galicia acredita que estamos nun momento de extraordinaria dificultade económica e de extraordinaria situación social no noso país”. De aí que “a principal preocupación dos cidadáns” deba coincidir tamén “coa principal preocupación do Goberno” e que por isto o Executivo autonómico centre a súa acción en trazar unha folla de ruta que dinamice o emprego.

Así, Feijóo lembrou que no pasado mes de xaneiro, a Xunta aprobou 40 millóns de euros en axudas á formación a desempregados, co obxectivo de lograr 14.000 empregos. Hoxe, explicou, “aprobamos un paquete lexislativo, neste caso, un paquete regulamentario de 27 ordes que se publicarán no Diario Oficial de Galicia por valor de case 100 millóns de euros que destinamos a 23.500 persoas”. “En consecuencia –remarcou-, entre o mes de xaneiro e maio, son 138 millóns de euros e 37.500 persoas que non teñen traballo as que se poderán beneficiar destes fondos públicos de incentivación do emprego na comunidade”, argumentou.

Nove bloques fundamentais nos que se dividen estas axudas
Segundo explicou o mandatario autonómico estas axudas divídense en nove bloques fundamentais. Un primeiro, de fomento da creación de microempresas de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica e fomento de traballo autónomo. A isto destinaranse 24,5 millóns de euros, que prevén beneficiar a 3.200 autónomos e 810 empresas e entidades asociativas. Como novidades, increméntase un 15% o orzamento dirixido á creación de empresas de base tecnolóxica; e subvenciónase por primeira vez a contratación do segundo e terceiro traballador autónomo.

Un segundo bloque recolle tres ordes orientadas á consolidación e promoción do cooperativismo, ao que se destinarán 2,4 millóns de euros.

Un terceiro bloque, recolle cinco ordes dedicadas á inserción sociolaboral de persoas en situación de risco de exclusión social, ao mantemento dos centros especiais de emprego e ao fomento da contratación ás persoas con discapacidade. Serán preto de 16,8 millóns de euros dos que se poderán beneficiar 113 centros e 2.400 persoas con discapacidade e 1.500 con maior dificultade de inserción.

Outras catro ordes recollen un importe de 20 millóns de euros destinado á contratación de persoas desempregadas e axentes de emprego e desenvolvemento local. Unha actuación que beneficiará a 2.700 galegos.

Os programas mixtos de emprego e formación, os obradoiros de emprego, en colaboración coas entidades locais, están dirixidos a mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante a súa cualificación profesional, e recibirán arredor de 10,5 millóns de euros destinados a 1.000 persoas.

Por outra banda tamén se destinarán 750.000 euros para a formación e contratación, nos sectores estratéxicos da comunidade autónoma, de 300 mozos ou mozas con baixa cualificación.

Hai outras actuacións, que forman parte dos preto de 92 millóns de euros en axudas, dirixidas á formación de traballadores ocupados para que non perdan o seu emprego; á xubilación ordinaria no sistema de Seguridade Social de persoas traballadoras afectados por procesos de reestruturación de empresas; á promoción de afiliación á Seguridade Social para explotacións agrarias de Galicia; á implantación nas pemes de responsabilidade social e empresarial; ao fomento da igualdade laboral; ou á prevención de riscos.

Ademais, tamén se inclúe outro programa específico de 4 millóns de euros para contratación, aproximadamente, de 205 técnicos para realizar actividades de información, orientación e prospección de emprego, co cal a plantilla entre fixos e temporais na comunidade autónoma que se dedican a facer posible o encontro de emprego será de 450 técnicos.

E por último, argumentou Feijóo, “tamén sacamos plans integrados de emprego, investíndose, nunha primeira orde que xa saíu publicada, e máis o que sae agora publicado, 2,6 millóns de euros que beneficiarán a 2.700 traballadores”.

“En definitiva, 138 millóns de euros para facilitar a empregabilidade de 37.500 galegos e galegas que hoxe por hoxe non teñen emprego e que a maioría deles están nunha situación que necesitan, por suposto, a súa inserción laboral”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar