O Día Mundial da Saúde, celébrase hoxe centrado na hipertensión

hipertension

A Organización Mundial da Saúde conmemora hoxe o Día Mundial da Saúde, que este ano ten por tema central a hipertensión, que é o segundo factor de risco máis importante de morte súbita e enfermidade crónica.

Estímase que o 60% dos casos de enfermidade cerebro vascular e o 50% da patoloxía coronaria están causados pola hipertensión arterial, de xeito que o seu control podería diminuír a mortalidade por estas enfermidades nun 24% e nun 20%, respectivamente.

Entre o 30 e o 35% da poboación maior de 18 anos nos países occidentais é hipertensa, porcentaxe que aumenta ao 40% das idades medias e que pode superar o 60% en idades avanzadas.

O 95% dos casos de hipertensión arterial non teñen unha causa definida concreta, sendo o resultado da interacción entre factores xenéticos e ambientais. Así, están descritos numerosos factores ambientais que inflúen na aparición desta enfermidade, dos que moitos son controlables a través da adopción de estilos de vida saudables, entre os que cabe destacar a obesidade, o consumo elevado de alcohol, o tabaquismo, a inxestión elevada de sal e o sedentarismo.

Entre as varias metas que se propón a Organización Mundial da Saúde neste día, cómpre destacar aqueles que inciden na modificación de comportamentos que poden provocar hipertensión arterial, e os que alentan ás autoridades a crear contornos que favorezan comportamentos saudables. En particular, a Consellería de Sanidade lembra a importancia de diminuír a inxestión de sal. Deste xeito, a inxestión de sodio diario non debe superar os 2,5 gramos, o que equivale a 5 gramos de sal. Asemade, deberase seguir unha dieta equilibrada, aumentando o consumo de froitas e verduras e diminuíndo o consumo total de graxas e así como de graxas saturadas.

Xunto con todo o anteriormente sinalado, tamén deberase reducir a inxestión de alcohol, que non deberá superar a cantidade de dúas unidades diarias en varóns e unha en mulleres (unha unidade de alcohol equivale a un vaso de viño ou unha cervexa). Ademais, farase exercicio con regularidade, manterase un peso adecuado e evitarase o consumo de tabaco.

Xente con Vida

A Consellería de Sanidade lembra á cidadanía galega que ten á súa disposición, dende marzo de 2012, a iniciativa on-line Xente con Vida (http://www.xenteconvida.es), posta en funcionamento polo departamento que dirixe Rocío Mosquera co obxectivo de fomentar entre as galegas e galegos hábitos de vida saudables.

En consecuencia, Xente con Vida está centrada na difusión de información fiable e contrastada sobre alimentación, que busca a comunicación directa cos cidadáns, cunha linguaxe clara, sinxela e comprensible por todos.

A web e o blog de Xente con Vida publican artigos de temáticas variadas como alimentación infantil e da muller, consellos nutricionais para a terceira idade, control de peso, recomendacións para reducir o consumo de graxas ou sal, e mesmo propostas para almorzos e merendas. Ademais, un equipo de expertos da Consellería de Sanidade resolven, diariamente, as consultas que fan os cidadáns a través das redes sociais, a web e o blog.

Os contidos máis comentados e compartidos polos usuarios son os menús diarios para toda a familia, os consellos nutricionais para previr enfermidades crónicas e as táboas de actividade física, sendo os seguidores das canles oficiais de Xente con Vida persoas entre 24 e 44 anos, emprazados nas sete cidades galegas e en cabeceiras comarcais.

Os usuarios das redes sociais atopan, con esta iniciativa, ferramentas útiles para facer eleccións máis saudables; información accesible, razoada e veraz; intercambio de coñecementos e experiencias compartidas; e resolución das dúbidas sobre os comentarios publicados. Estas plataformas constitúen unha ferramenta útil nos procesos de apoio, interpretación, transmisión e intercambio de información entre os consumidores, actuando como punto de encontro para a saúde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar