Agárdase do cambio de hora un aforro enerxético do 0,4 %

O cambio de hora da madrugada deste domingo supón en Galicia un aforro enerxético en iluminación do 1 por cento no sector doméstico e do 3 por cento no sector servizos, mentres que se alcanza unha diminución do consumo eléctrico total no conxunto da Comunidade galega próximo ao 0,4 por cento.

Diso informou a Consellería de Economía e Facenda, a través do Instituto Enerxético de Galicia, nun comunicado no que destaca que o maior aforro deste cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario.

O cambio horario vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado cambio de hora, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente dende o ano 1981 e que se renova cada catro anos.

Esta medida de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.

Xunto a isto, o Goberno galego fai fincapé na necesidade de utilizar a enerxía dunha forma racional ao longo de todo o ano, a través de pautas como utilizar tecnoloxías que faciliten unha iluminación de baixo consumo ou unha correcta iluminación das vivendas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar