A Deputación de Ourense pon en marcha o primeiro plan provincial de servizos sociais

Manuel Baltar na xornada "Ben Ourense".
Manuel Baltar na xornada «BenOurense».

A Deputación de Ourense presentou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o Plan BenOurense 2013 que regulará as liñas básicas de actuación en materia de servizos sociais. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar esta primeira “Xornada Técnica Provincial de Servizos Sociais”, que congregou a representantes de todos os concellos e mancomunidades da provincia de Ourense que asistiron para coñecer as novas existentes nesta materia.

Manuel Baltar recalcou que en 2012 “a Deputación puxo en marcha o primeiro plan provincial de Servizos Sociais na historia da institución sendo, así mesmo, a institución provincial pioneira en adherirse a este pacto a nivel estatal. Hoxe damos un paso máis: volvemos ser a primeira deputación de Galicia en presentar BenOurense 2013, un novo plan de servizos sociais, tendo na “cooperación” entre deputación e concellos a palabra clave para fornecer o favorecer o crecemento económico e social dos municipios da nosa provincia ”.

Un plan que, segundo Manuel Baltar, “é mellorable desde o punto de vista económico” pero, tendo en conta que os servizos sociais son un dos obxectivos primordiais para a Deputación por ser un dos piares fundamentais da sociedade. Aproveitou Baltar para agradecer ao departamento que dirixe Jose Juan Cerdeira, “o seu gran labor nun momento de tanta necesidade social”.

O presidente da Deputación comentou que o pasado 1 de febreiro publicou o Boletín Oficial da Provincia as contías económicas que foron asignadas a cada concello en materia de servizos sociais, insistindo en que se determinaron atendendo a un estudio obxectivo da realidade que presenta cada municipio.

Pola súa banda, Jose Juan Cerdeira, xefe do departamento de Fomento de Emprego, Igualdade e Asuntos Sociais da Deputación, xunto con outros membros directivos, presentou as liñas básicas de actuación que porán en marcha este ano encamiñadas á optimizar o funcionamento dos Servizos Sociais da provincia de Ourense.

Por unha banda, explicaron as instrucións de asistencia técnica, económica e xurídica que se lle vai ofrecer aos concellos e mancomunidades; a aplicación dun novo sistema informático, que ten como obxectivo crear unha plataforma que consiga unificar toda a información relevante dos usuarios en Servizos Sociais, e presentouse un novo servizo de Teleasistencia adaptado á nova realidade económica trala retirada financeira por parte do Inserso. Finalmente, presentouse o Fondo Social de Vivenda que permitirá á xente desafiuzada a partir do 1 de xaneiro do 2008 acceder a unha bolsa de alugueiro durante dous anos, de entre 150 e 400 euros, cumprindo unha serie de requisitos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar