Aymerich abandoa o escano pero seguirá militando no BNG

   O vicevoceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, abandonará o seu escano no Parlamento de Galicia o próximo luns, despois da asemblea nacional da formación frentista na que Xavier Vence sairá elixido voceiro nacional, dando relevo aos catro anos de Guillerme Vázquez.

En declaracións aos medios nos corredores da Cámara, Aymerich asegurou que seguirá «como militante de base» no BNG, pero xustifica a súa marcha pola «deriva» da formación política, coa que el e o seu ámbito non concorda. Proba diso, Abrente presentou un voto particular ás teses oficiais do Bloque, e que apoia a UPG –forza hexemónica–.

O parlamentario remarcou que «se pode traballar» dende outros ámbitos do nacionalismo, e rexeitou voces que sinalen que «se quedou no Bloque, se ten que aguantar».

De feito, este militante dende hai 20 anos asegura que «segue crendo no Bloque», nunha formación «ambiciosa, situada á esquerda, claramente nacionalista, que se dirixa a toda a sociedade e que queira gobernar este país». «Sinto que sigo nese Bloque, e se outros o queren mover, iso é problema deles», sentenciou.

O parlamentario nacionalista afirma que a decisión a tomou «dende hai tempo», e afirmou que, no plano persoal, «é unha liberación», pero non o ano pasado.

«Eu dinlle unha marxe ao Bloque para que isto cambiase, pero non foi así. A deriva é outra, pero é consecuente», abundou, antes de asegurar que «francamente» non se ve «en ningunha organización» resultante da asemblea de Amio, en referencia a Compromiso por Galicia ou na coalición Anova-EU.

EN DESACORDO LIÑA POLÍTICA

Aymerich, que quixo emprazar ao luns para dar máis explicacións, porque a súa intención «non era que esta noticia se filtrase» antes do plenario do domingo, explicou que os motivos son que «non está de acordo coa liña política». «Creo que non teño que molestar máis», subliñou para, a liña seguida, asegurar que «hai máis vida despois da política».

O deputado, que foi voceiro parlamentario co bipartito e parte da lexislatura pasada –ata a asemblea de Amio que desembocou na fractura do Bloque–, marcha coa conciencia «tranquila». «Diñeiro na conta non teño, non teño ningún tipo de sobre», ironizou.

Aymerich afirmou que «só pode ter palabras de agradecemento ao BNG», formación pola que foi deputado no Congreso e no Parlamento galego, así como para os compañeiros actuais do seu grupo.

En particular, referiuse ao actual voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, con quen, malia as «diferenzas», mantivo a súa relación de «amizade».

De feito, na propia asemblea de Amio do pasado mes de xaneiro, cando xa se coñecía a derrota da súa lista –na que el era o candidato a cartel nacionalista e Xosé Manuel Beiras, a voceiro nacional–, comprometeu o seu traballo para lograr converter a Jorquera en presidente da Xunta nas pasadas eleccións, nas que Aymerich foi o número un da candidatura por Pontevedra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar