Encontro Ibérico sobre Dieta e Saude en Ourense

Jose Manuel Rubín, xerente de Expourense e Rogelio Martínez, delegado da Xunta

Dentro das actividades incluídas no programa do Salón Galego de Gastronomía e Turismo, XANTAR, que se inaugura este mediodía destaca o VIII Encontro sobre Dieta e Saúde que inclúe conferencias, obradoiros de cociña, catas, degustacións que porán en valor as propiedades da Dieta Atlántica e os produtos de calidade de Galicia e das rexións convidadas.

No acto de apertura da oitava edición deste encontro, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, suliñou que “durante cinco días aprenderemos cómo sacarlle o mellor rendemento posible aos produtos galegos, ricos, variados, saudables pero tamén lles abrimos as portas ás comunidades e do país convidado para coñecelas mellora a través da súa cociña”. Martínez lembrou que o sector primario galego viuse mellorado nos últimos anos grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade, amparados e protexidos pola Consellería de Medio Rural e do Mar. Trátase de recursos alimentarios que constitúen unhas das mellores ferramentas das que dispón o medio rural e marino de Galicia para asegurar o seu futuro e emprender novas vías de desenvolvemento.

O VIII Encontro sobre Dieta e Saúde está orientado principalmente aos profesionais do sector da hostalería e teñen unha importante compoñente formativa, incluíndo no seu programa obradoiros de cociña, catas comentadas, degustacións, conferencias, etc. Entre os relatores deste encontro, destaca a presenza do doutor Miguel Pocoví, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Zaragoza e secretario da Fundación Grande Covián, que falará sobre a Dieta Atlántica e o seu papel na prevención de enfermidades cardiovasculares, e os técnicos da Consellería de Sanidade que presentarán os programas “Xente con vida” e “Comer con saúde”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar