‘Viaxe a ningunha parte’ lidera as nominacións para os Premios María Casares

A montaxe ‘Viaxe a ningunha parte’, da compañía Sarabela Teatro, lidera as nominacións para os XVII Premios María Casares de Teatro, nos que opta a 10 galardóns, entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección.

Así o fixo público este mércores a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) no transcurso da Festa dos Nominados, que tivo lugar na localidade coruñesa de Ames e contou coa asistencia de máis de 150 profesionais.

En total, 17 espectáculos conseguiron finalmente algunha nominación nas trece categorías coas que contan os galardóns. Durante o prazo de inscrición aos María Casares, un total de 239 profesionais do sector presentaron as súas candidaturas aos diferentes apartados dos premios.

En número de nominacións, ‘Viaxe a ningunha parte’, de Sarabela Teatro, converteuse na montaxe máis presente, dado que opta a 10 premios. En concreto, poderá facerse cos galardóns a mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor adaptación-tradución, mellor escenografía, mellor actriz secundaria –para Sabela Gago–, mellor actor secundario por partida dobre –Josito Porto e Lino Braxe–, mellor dirección –Ánxeles Cuña Bóveda– e mellor espectáculo.

A continuación sitúase a montaxe ‘Tokyo 3’, da compañía Voadora, que tamén foi nomeado aos premios Max e que nestes galardóns conta con nove nominacións. En concreto, opta aos premios a mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor escenografía, mellor actriz protagonista –Marta Pazos–, mellor actor protagonista –Hugo Torres–, mellor dirección –Marta Pazos– e mellor espectáculo.

‘O metodo Grönholm’, de Talía Teatro, opta a cinco premios, entre os que se encontran mellor iluminación, mellor adaptación-tradución, mellor escenografía, mellor actor protagonista –Artur Trillo– e mellor dirección –Xúlio Lago–. Galicia Ganíbal, o musical de Filmanova Invest S.A. podería lograr ata tres premios, o de mellor actor secudario –Víctor Mosqueira–, mellor maquillaxe e mellor vestiario.

OUTROS GALARDÓNS

Voadora e Sarabela Teatro competirán no apartado de mellor espectáculo con ‘Nuncabunga’, de Elefante Elegante SC; mentres que ao galardón de mellor actor protagonista tamén optarán Manuel Manquiña –por ‘A Función do Tequila’ –, Víctor Mosqueira –por ‘Románticos’ — e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ –por Kafka e a boneca viaxeira’–. No de mellor actriz protagonista tamén figuran nomeadas Ana Santos –por Desfeitos’–, Camila Bossa e Iolanda Muíños –ambas as dúas por ‘Malos Hábitos’ — e Marián Bañobre –por ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’ –.

No apartado de mellor actriz secundaria competirán con Sabela Gago, Rebeca Montero –por ‘O Profesional’ — e Luisa Merelas –por ‘A Función do Tequila’ –.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar