Currás apela á presunción de inocencia do seu antecesor, Conde Roa

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, apelou este luns á presunción de inocencia do seu antecesor no cargo, Gerardo Conde Roa, tras a súa imputación na ‘Operación Manga’, derivada das investigacións da ‘Pokémon’ e volveu demandar que a xustiza actúe con «celeridade» neste tipo de procedementos.

En declaracións aos medios, antes de participar na presentación dun informe sobre a situación da prensa en 2013 organizada por Prensa Ibérica e os grupos de El Progreso, El Correo Gallego e La Región, o alcalde defendeu que a súa postura, tras a nova imputación Conde Roa, non varía «con respecto a outras imputacións» e puxo «por diante» a presunción de inocencia.

«Eu estou seguro de que o señor Conde Roa vai dar todas as explicacións que a xuíza lle pida», aseverou Currás, antes de engadir que «o desexable é que todo se resolva» o antes posible e que «saia o mellor» para o exalcalde compostelano.

Coa «transparencia» e a «presunción de inocencia» por bandeira, o rexedor asegurou que a súa relación con Conde Roa, quen lle apuntou a el como sucesor para a Alcaldía fronte a a agora voceiro do PPdeG, Paula Prado, e a quen moitos na Casa do Concello ven como o seu mentor, non inflúe na súa postura.

«Non teño por que presupoñer nada. Non coñecemos cáles son os motivos polos que se imputa ao señor Conde Roa», reflexionou Currás, quen pediu, ante o goteo de accións xudiciais na capital galega e no Pazo de Raxoi, que a xustiza actúe «con axilidade e celeridade». «Canto antes se aclare todo, mellor», resolveu.

CITACIÓN PARA O 4 DE MARZO

O exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roa foi citado a declarar o próximo 4 de marzo, ás 10.00 horas, como imputado na denominada ‘Operación Manga’, segunda fase da ‘Pokémon’, que investiga supostas adxudicacións irregulares de contratos en varias cidades galegas.

Conde Roa, que renunciou á Alcaldía en abril de 2012, tras ser procesado por un suposto delito de fraude fiscal aínda pendente de xuízo, recibiu a citación a semana pasada, oito días despois de que axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) efectuasen un rexistro do seu domicilio, do que levaron varias caixas de documentación.

Fuentes consultadas por Europa Press apuntaron que se intenta aclarar se o exrexedor puido cometer prevaricación ou tráfico de influencias dende a Casa do Concello en relación a algún contrato, aínda que a defensa de Conde Roa explicou que aínda non coñecen os motivos exactos polos que se pide a súa presenza no xulgado de Lugo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar