Baltar recibe a estudantes americanos, interesados na Administración pública

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Salón de Plenos da institución provincial a 23 alumnos procedentes de diferentes universidades de Sudamérica e Norteamérica que están cursando na Universidade Pontificia de Salamanca o Mestrado en Asesoramento de Imaxe e Consultoría Política. Baltar explicoulles o funcionamento administrativo, político e de xestión do goberno provincial e respondeu ás preguntas dos estudantes, quen se interesaron por cuestións referidas ao actual debate sobre o modelo das administracións públicas, en concreto, no que atinxe á administración local.

Baltar destacou a importancia de “chegar á eficiencia a través da cooperación”, afirmando que nos tempos actuais “é necesario redobrar esforzos por ter unha arquitectura administrativa máis áxil e operativa, porque as respostas que temos que dar aos cidadáns son inmediatas”, e fronte a iso a cooperación entre administracións “é fulcral para que a prestación dos servizos sexa cada vez máis e mellor, máxime nunha provincia como a de Ourense onde temos 92 concellos, 91 dos cales teñen menos de 20.000 habitantes”, explicou o presidente provincial.

O Mestrado en Asesoramento de Imaxe e Consultoría Política ten como obxectivo, segundo os seus coordinadores, cubrir a falta de propostas de formación sobre comunicación política e permitir aos alumnos achegarse a un coñecemento global e práctico coñecendo a realidade política de países de Europa, Estados Unidos, América Central e América do Sur.

Esta iniciativa da Universidade Pontificia de Salamanca realízase en colaboración con outras seis prestixiosas universidades norteamericanas: a Universidade de Miami (Estados Unidos), o Instituto Tecnolóxico de Monterrey (México), a Universidade de San Pedro Sula (Honduras), a Universidade dos hemisferios (Ecuador), a Universidad Simón Bolívar (Venezuela) e a Universidade Católica Arxentina.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar