Teófilo Comunicación presenta en Santiago o seu último traballo editorial

Teófilo Comunicación, a través da súa división editorial, Teófilo Edicións, e en colaboración co Consorcio de Santiago, ven de editar a publicación que leva por título “La ciudad de Santiago de Compostela en 1669. La peregrinación del gran príncipe de la Toscana Cosimo III de Medici”, un traballo historiográfico que partindo da visita que realizou o príncipe toscano a Compostela a mediados do século XVII -na súa viaxe por España e Portugal- reflicte o proceso de transformación urbana da cidade

A publicación, asinada polo especialista no barroco en Galicia e en Europa, Miguel Taín Guzmán, é o resultado dun minucioso estudo e análise da viaxe de Cosimo de Medici -“Homo viator”- que percorreu diferentes países europeos para adquirir coñecementos, e visitou a cidade do Apóstolo para postrarse diante do seu sepulcro.

En tempos da visita de Cosimo de Medici, Santiago se atopaba nun proceso trascendental de cambio, nun tránsito de cidade amurallada medieval con casas de madeira e rodeada de ruinosas murallas, a unha urbe de pétreos e monumentais edificios e construccións barrocas.

O autor, en definitiva, plasma nesta publicación o traballo de investigación levado a cabo en arquivos e bibliotecas italianas, aportando a base documental e crítica para comprender mellor a cristalización barroca dunha cidade cardinal do barroco europeo como Compostela, Patrimonio da Humanidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar