Oroso e Santiago rexeitan unha fusión aínda que colaborarán en servizos

 

   Os concellos de Santiago de Compostela e de Oroso colaborarán en materia de servizos e proxectos, aínda que rexeitan a posibilidade de iniciar un proceso que finalice cunha fusión de ambos os dous municipios.

Así o explicaron os seus responsables, Ángel Currás e Manuel Mirás, que mantiveron un encontro en Santiago de Compostela para analizar os seus «intereses comúns» e as posibilidades de colaboración.

Non obstante, Mirás respondeu cun rotundo «non» ao ser preguntado sobre a posibilidade de que estea enriba da mesa unha fusión con Compostela, dado que considera que a dimensión de ambos os dous municipios é «idónea» e Oroso ten unha economía «moi saneada». «Nós non estamos por fusións. Se nalgún momento as hai que facer, sempre sería tratándonos do teu a teu, de igual a igual», ratificou.

A maiores, considerou que Santiago «é bastante grande como para querer máis fusións». «Santiago non necesita de fusións e en Oroso estamos estupendamente como estamos», sentenciou.

VÍA VERDE

Pola súa banda, Ángel Currás recordou que estes concellos limítrofes xa comparten algún servizo, como é o caso do abastecemento da auga, e avogou por avanzar en actuacións «pendentes», como a de retomar o proxecto de Vía Verde que uniría ambos os dous municipios aproveitando o antigo trazado ferroviario.

Neste sentido, o alcalde compostelano destacou a importancia deste proxecto tanto dende o punto de vista ambiental como turístico e sinalou que agora analizarán a viabilidade do proxecto tras reunirse con Adif, propietaria dos terreos.

Entre outros ámbitos de colaboración, Ángel Currás apuntou a posibilidade de poñer en marcha actuacións turísticas conxuntas como a promoción da Illa do Refuxio e mostrouse aberto a «calquera colaboración máis alá da política de boa veciñanza».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar