O Sergas practicou o ano pasado 112 mil operacións, un 25 % máis que hai catro anos

 

O número de intervencións realizadas nos quirófanos do Servizo Galego de Saúde foi, no 2012, de 112.542. Así o sinalou a xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, quen ofreceu, en rolda de prensa, os datos da actividade e demora do Servizo Galego de Saúde referidos ao ano 2012. Isto supón. –dixo a xerente-, que continúa a tendencia crecente da actividade cirúrxica ordinaria, que xa é un 25% máis que a que o Sergas realizaba no 2008 (90.018 intervencións naquel ano).

A xerente do Sergas, que na presentación dos datos estivo acompañada pola subdirectora xeral de Análise, Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente, Estrella López-Pardo; e pola subdirectora xeral de Planificación e Ordenación Asistencial, Mercedes Lanza Gándara, sinalou que o departamento que dirixe Rocío Mosquera continúa garantindo o compromiso asumido de atender as prioridades máis graves (prioridade 1) por baixo dos 30 días, e as patoloxías graves (prioridade 2) arredor dos 60 días. Así, o tempo medio de espera en pacientes de prioridade 1, a 31 de decembro de 2012, situábase en 17,2 días en todos os centros sanitarios e a cifra é de 16,3 en centros do Sergas.

No tocante aos pacientes con patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera sitúase en 58,1 días (tanto en todos os centros como so nos centros Sergas). A espera media para este tipo de pacientes é un 27% menor que a media de 2008.

Así mesmo, a media global de espera cirúrxica nos hospitais do Sergas, en 2012, era de 63,6 días se se contabilizan só os centros da rede do Servizo Galego de Saúde. Mentres que se se inclúen todos os centros, a espera cirúrxica sitúase en 83,4 días.

Tamén continúa a aumentar a realización de cirurxías nos centros de saúde. Xa que no 2012 fixéronse un total de 17.842 intervencións, o que supón 1.132 máis que no 2011.

Área de consultas e probas diagnósticas e terapéuticas
O número de consultas en xornada ordinaria realizadas nos hospitais do Sergas no 2012 foi de 3.889.832. O tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade situábase, nese ano, en 55,4 días, o que supón, -destacou a xerente-, 10,4 días menos que no 2011.

Na súa intervención, María Nieves Domínguez remarcou, así mesmo, que o número de pacientes en espera dunha primeira consulta en atención hospitalaria experimentou, no 2012, unha diminución de 34.904, e que este indicador é produto do esforzo coordinado de todos os profesionais e dunha estratexia combinada de accións entre as que salientou o aumento da capacidade resolutiva da atención primaria, que se traduciu nunha diminución das derivacións feitas; da atención compartida dos pacientes polos propios profesionais de ámbolos dous niveis asistenciais, o que é posible grazas ao esforzo feito na xestión integrada; do uso da historia clínica electrónica única e compartida como elemento vertebrador da asistencia; e, ademais, tamén como consecuencia da incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación en xeral na atención aos pacientes e na relación entre profesionais.

Incidiu, igualmente, que o Servizo Galego de Saúde segue a traballar no seu compromiso de atención a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días, a través da implantación das vías rápidas. Así, o tempo medio de espera das vías rápidas implantadas dende atención primaria a consultas de hospital para procesos oncolóxicos é de 6,8 días en cancro de mama; 6 en cancro de pulmón; 14,8 en cancro colorrectal; 2,2 días en cancro de próstata; 7 días en cancro otorrinolaringolóxico; e sen demoras en cancro de vexiga e cancro de melanoma.

As primeiras consultas de enfermidade con menor tempo medio de espera son oncoloxía médica (7,1 días); cirurxía plástica e reparadora (8,6 días); cirurxía torácica (9,9 días); obstetricia (10,2 días); e cirurxía maxilofacial (24,2 días).

No que atinxe ás probas diagnósticas con menor tempo medio de espera ao remate de 2012 foron o estudo fetal, con 4 días; a ecografía obstétrica, con 7,9; a electrocardiografía, con 9,9; o rastrexo gammagráfico, con 10, e a endoscopia urolóxica, con 22,2.

Para rematar a presentación dos datos de actividade do Sergas referida ao 2012, Nieves Domínguez subliñou en que todos estes indicadores de mellora na atención aos pacientes foron posibles grazas á colaboración e implicación dos profesionais, e insistiu en afirmar que a Administración sanitaria galega non estará satisfeita mentres haxa un só paciente esperando, pero os datos indican que vaise na dirección axeitada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar