Rueda afirma no Parlamento que os Orzamentos apostan polos servizos públicos esenciais

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do seu departamento, que segundo dixo apostan pola eficiencia, pola contención do gasto, pola redución de duplicidades e pola xestión compartida entre institucións co obxectivo de protexer e manter as prestacións e os servizos públicos.

Rueda recordou que as contas xerais da Xunta para este ano teñen como prioridades garantir a cobertura dos servizos públicos esenciais e ao tempo seguir a reducir o déficit público, un dobre obxectivo no que están implicadas todas as consellerías, incluída a Vicepresidencia.

O vicepresidente destacou que co novo deseño da súa estrutura e a asunción da Asesoría Xurídica Xeral e da Secretaría Xeral de Igualdade, o seu departamento reforza o seu carácter transversal e de coordinación de todo o Executivo galego. Precisamente as políticas de igualdade, xunto a xustiza, a seguridade e a formación publica, son os eixos prioritarios da Vicepresidencia para este ano 2013, levándose tres de cada catro euros do seu orzamento.

Así, e a modo de resumo, resaltou que en Igualdade medran os recursos para conciliación, a loita contra a violencia de xénero e o sostemento dos Centros de Información ás Mulleres. En Xustiza, blíndase a quenda de oficio, garántese o investimento no Plan de Infraestruturas Xudiciais e refórzase a mediación como vía para a solución de conflitos. En Emerxencias, Galicia contará este ano con 25 parques de bombeiros operativos en todo o seu territorio e completarase o cadro de persoal da Policía Autonómica ata situarse preto dos 500 efectivos por primeira vez na súa historia.

Incremento en Xustiza e Igualdade
Un ano máis, medran os fondos para a xustiza en Galicia, cun montante global que acada os 109,3 millóns de euros, repartidos na Secretaría Xeral, na Dirección Xeral de Xustiza e na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Como novidade, a Vicepresidencia asumirá directamente os proxectos de construción de novas sedes xudiciais, contemplando partidas para rehabilitar a Fábrica de Tabacos da Coruña e destinala a usos xudiciais e para levar a cabo o edificio xudicial de Pontevedra. Ademais, mantéñense na Sociedade Pública de Investimentos proxectos que xa se iniciaron como o Rexistro Civil de Vigo ou o novo edificio Xudicial de Ourense. Tamén en materia de Xustiza, mantéñense 10 millóns de euros dirixidos a sufragar a asistencia xurídica gratuíta, onde se teñen reducido os tempos de pagamento aos colexios de avogados pola quenda de oficio de case tres meses a tan só 33 días.

Outro dos ámbitos onde se producen incrementos é dentro da Secretaría Xeral de Igualdade, onde soben os programas de conciliación, os fondos para prevención, sensibilización e atención ás vítimas de violencia de xénero, así como a partida destinada aos Centros de Información á Muller, que sube un 3,4 por cento respecto ao ano pasado e supera os 3,2 millóns de euros.

EMERXECIAS E ADMINISTRACIÓN LOCAL

En canto ás Emerxencias, este ano seguirase avanzando en completar a rede galega de parques contraincendios e de salvamento e Galicia contará ao longo de 2013 con 25 parques operativos, con cobertura en todas as provincias galegas e un deseño en colaboración coas entidades locais.

Do canon eólico proceden máis de 11 millóns de euros que recibirán os concellos galegos a través do Fondo de Compensación Ambiental, que sumados aos 113 millóns do Fondo de Cooperación Local suman case 125 millóns, unha cantidade que se mantén invariable dende o ano 2010, pese a que o gasto non financeiro da Xunta reduciuse en case 1.800 millóns de euros. Isto significa que os concellos galegos percibiron nestes anos un financiamento adicional de máis de 78 millóns con respecto ao que terían recibido como resultado da evolución da crise nas finanzas autonómicas.

No eido da Administración local, a prioridade para este ano e para os vindeiros pasa por dirixir o pulso orzamentario cara ás experiencias de xestión compartida. Así, seguiranse apoiando aquelas iniciativas de fusión –libres e voluntarias- que decidan emprender os concellos galegos e apoiaranse estes procesos alomenos durante os primeiros dez anos seguintes á súa fusión. Tamén se seguirá a promover a xestión compartida de servizos entre concellos, priorizando estas iniciativas nas liñas de subvención.

ACCIÓN EXTERIOR

Respecto á acción exterior, a prioridade será conseguir que Galicia siga a percibir fondos europeos no vindeiro período 2014-2020, para o cal se seguirá a defender unha rede de seguridade que garanta unha aterraxe suave para a Comunidade unha vez deixa de ser Obxectivo Converxencia. Tamén se seguirá a manter a política de cooperación, malia a sufrir un axuste, garantindo o cumprimento dos compromisos asumidos no Plan Director de Cooperación Galega 2010-2013.

Por último, a Dirección Xeral de Reforma e Avaliación Administrativa dará un novo paso na reestruturación do sector público instrumental, co lanzamento do terceiro plan de racionalización de entes dependentes. Os dous primeiros plans permitiron introducir axustes ou melloras en 116 organismos e determinaron a supresión de 73, permitindo un aforro de case 25 millóns de euros anuais e situando a Galicia como referente nesta materia a nivel estatal.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A portavoz de Presidencia, Administración Pública, Xustiza e Interior do Grupo socialista, Beatriz Sestayo, cualificou os orzamentos da Consellería de Presidencia para 2013 de “opacos, absurdos, neglixentes e privatizadores”. Así o dixo na comparecencia do Conselleiro Alfonso Rueda na Comisión de Orzamentos do Parlamento.

Sestayo criticou que os orzamentos do goberno galego aplican unha “falsa austeridade” cebándose sobre unha cidadanía á que “lle quitan ata a respiración”, mentres Feijóo e o conselleiro Rueda multiplican os seus asesores e persoal de confianza “competindo co caciquismo baltariano”. Lamentou que estas contas “constatan a vontade de Rueda de dedicarse ao delfinato de Feijóo no canto de ocuparse dos problemas de Galicia”.

A responsable socialista advertiu que Feijóo “volve demostrar que cada promesa súa é un engano mais” e a súa xestión é “unha mentira continuada” ao incumprir o seu compromiso de non impor mais sacrificios aos empregados públicos, para a continuación reducirlle o 4 por cento do salario, ademais da supresión da paga extra.

Dixo que o PP “ataca sistemáticamente” aos empregados públicos por ser servidores de servizos públicos cidadáns que exclúen deliberadamente para introducir o negocio privado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar