460 mil galegos vacinaronse contra a gripe

 

Arredor de 460.000 persoas –á espera de pechar os datos definitivos- vacináronse fronte á gripe en Galicia durante a campaña posta en marcha pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Destes, 333.500 tiñan 65 ou máis anos, acadándose un 53% da cobertura da poboación diana fronte ao 55,25% do ano anterior. Isto supón que soamente baixou un 2% tendo en conta os problemas loxísticos debidos á inmobilización cautelar dunhas vacinas pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS).

Por este motivo, a campaña de vacinación, posta en marcha o 23 de outubro e con data de finalización o 14 de decembro, ampliouse ata finais de ano.

Doutra banda, os datos da epidemioloxía indican que a onda aínda non empezou, a situación segue a ser estable e sen apenas presenza do virus. Deste xeito, pódese afirmar que o pico da onda non se dará antes da segunda semana de febreiro.

Esta situación que se está a dar na en Galicia é moi similar a do resto de España, onde os sistemas de vixilancia de todas as Comunidades Autónomas coinciden en detectar un nivel de intensidade baixo.

Fora do país, máis ao norte, comézase a detectar algún incremento como é o caso do Reino Unido, aínda con niveis baixos de intensidade; Francia, cunha intensidade media, e difusión xeralizada do virus en países como pode ser Holanda ou Dinamarca.

Campaña de vacinación
A campaña de vacinación contra a gripe da Consellería de Sanidade destínase a todas as persoas de 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco, que son os cidadáns con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; aquelas con procesos crónicos que estean institucionalizadas e as que teñan enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes de seis meses e ata 18 anos con tratamentos prolongados de aspirina; as que teñan obesidade mórbida, así como as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Na poboación diana inclúense os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outros persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e as que desenvolven labores esenciais para a comunidade, como é o caso de policías ou bombeiros; así como os viaxeiros internacionais e aqueles que pola súa ocupación poden estar en contacto coas aves.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar