Derradeira semana da mostra «Códices e xoias das Catedrais galegas» no Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recorda que a mostra “Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media” entra na súa última semana de exposición ao público no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. O vindeiro domingo, 6 de xaneiro, esta mostra irrepetible pechará as súas portas e os doce manuscritos volverán ás correspondentes dióceses que as cederon para a mostra.

“Desde a Cidade da Cultura convidamos a todos os cidadáns a achegarse ao Museo Centro Gaiás e descubrir un patrimonio único conservado durante séculos pola Igrexa e nunca exposto ata o de agora”, indica a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira. Ademais destacou a gran afluencia de público que está a ter a exposición, que resulta especialmente notable durante as fins de semana.


María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura

Comisariada por Xosé Manoel Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, a exposición inclúe unha selección de doce pezas que se exhiben por primeira vez ao público: dúas obras cedidas pola Catedral de Lugo, o Libro X de Pergameos Reais e o Libro XI de Bulas Papais; unha pola Catedral de Mondoñedo, o Tombo Pechado e outra polo Seminario de Mondoñedo, a Legenda Maior. Ademais o Misal Auriense e o Breviario Auriense da Catedral de Ourense; catro da Catedral de Santiago: o Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, o Tombo A e Historia Compostelá; e dúas procedentes da Catedral de Tui, o Pontifical e o Pasionario Tudense.
Códices pode seguir visitándose desde mañá mércores ata o domingo en horario continuado de 11 a 20:00 horas. A entrada continúa a ser de balde e recórdase que, por razóns de seguridade, o acceso ao espazo expositivo limítase a un máximo de 15 persoas de xeito simultáneo. Cultura e Educación destaca a boa acollida que está a obter a mostra, cunha media de 401 visitantes por día. Deste xeito, e segundo os últimos datos dispoñibles, a exposición recibiu ata o mes de novembro un total de 22.857 visitantes.
Cambio de páxina, un atractivo

A exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media abriu as súas portas o 27 de setembro e foi mudando ao longo deste meses. Para facilitar unha correcta conservación dos exemplares, a páxina pola que permanecen abertos os códices mudaron cada mes, obriga que lle brindou ao público un novo atractivo para acudir ao Museo Centro Gaiás.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar