O PSdeG pide a comparecencia de tódolos conselleiros nun mesmo pleno

   O PSdeG reclamou que se convoque un pleno extraordinario para que todos os conselleiros expoñan no Parlamento de Galicia as liñas de actuación que seguirán nesta lexislatura. «É a primeira vez que non se celebra esta comparecencia ao principio da lexislatura», reprocha o voceiro socialista na Cámara, Abel Losada.

Os cidadáns, defende nun comunicado, «deben coñecer o que pensa facer Feijóo ao longo de catro anos». Losada indica que, dende o pasado 28 de novembro, cando quedaron constituídas as comisións parlamentarias, non se levou a cabo o calendario de actividades e «solo se celebrou a comparecencia do Fiscal Xeral» para cumprir o trámite nesta data».

Ademais, sinala que os deputados do PSdeG solicitaron o pasado 3 de decembro polo trámite de urxencia a comparecencia dos membros de Goberno nas comisións correspondentes e en pleno, co fin de que expliquen o seu programa para esta lexislatura. Están, «malia o tempo transcorrido, aínda pendentes de tramitar», critica.

Losada acusa a Feijóo de «escamotear» a información aos cidadáns e ao Parlamento e cre que o PP segue a estratexia «de sempre»: «non conta o que vai facer porque iso lle permite saltarse o programa electoral que votaron os cidadáns e que dixo que non ían facer».

O voceiro parlamentario dos socialistas considerou que, con esta folla de ruta, «defenden os intereses privados e os seus beneficios partidarios, en detrimento dos servizos públicos fundamentais».

Por iso, agrega, o PSdeG pide que se celebre unha reunión urxente da Deputación Permanente para que se convoque un pleno extraordinario ao día seguinte que inclúa as comparecencias dos conselleiros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar