Rey Varela anuncia un «Plan de Oportunidades» para Ferrol


O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou que o vindeiro 1 de xaneiro entrará en vigor o Plan de Oportunidades, un compromiso persoal do primeiro edil da cidade que, na súa primeira fase, contará cunha dotación económica con cargo aos orzamentos municipais de 2013 de 500.000 euros. Esta cantidade súmase así aos 5,5 millóns de euros reservados no Presuposto Xeral do Concello da próxima anualidade coa finalidade de “blindar” as políticas sociais. Ao respecto, Rey Varela apuntou que o actual executivo local está a ser o que maior investimento dedica a políticas e actuacións sociais na historia do Concello, lembrando que para o exercicio de 2013 a consignación económica para Benestar xa se incrementara en ao redor de 200.000 euros con respecto ao orzamento de 2012, en que a subida en políticas sociais foi de máis de 6,5 puntos con respecto ás últimas contas aprobadas no mandato anterior, que foron as do ano 2010.

Rey Varela explicou que o obxectivo desta anovadora iniciativa do goberno municipal é atender as crecentes demandas sociais, consecuencia da crise económica, así como poñer en marcha medidas de apoio demográfico para frear a perda constante de poboación na nosa cidade nos últimos anos. Con esta finalidade, esta primeira fase do Plan de Oportunidades centrarase en tres actuacións:

– A creación dunha bolsa de vivenda social, que permitirá a rehabilitación de 10 vivendas baleiras de titularidade municipal no barrio de Recimil co fin de facer fronte a posibles casos de desfiuzamento. A esta actuación destínanse 300.000 euros.
– A ampliación da rede de Comedores Sénior con dous novos servizos municipais nos barrios de Esteiro e San Pablo. Para este fin resérvase unha cantidade de 80.760,50 euros, que fará posible multiplicar por dous o número de usuarios destes comedores, pasando de 60 a 120 usuarios. Así, os novos Comedores Sénior de San Pablo e Esteiro súmanse aos xa existentes no Ensanche –na rúa Río Xuvia- e en Caranza.
– Plan de apoio demográfico, consistente en becas de 600 euros anuais para financiar prazas de escolas infantís para nenos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, aos nados en Ferrol en 2013 e anos sucesivos, o que suporá un incentivo máis en relación a outros concellos e facilitará a conciliación da vida familiar e laboral. O Plan de Oportunidades destina a esta liña de actuación 100.000 euros. Ao respecto deste cheque para garderías, Rey Varela manifestou que con esta medida “o Concello de Ferrol convértese nun dos municipios de toda España que máis apoia os nacementos”.

“Somos o goberno da historia de Ferrol que máis destina a políticas e investimentos sociais”, insistiu o rexedor municipal; e como mostra deste compromiso de axuda ás persoas con maiores necesidades detallou algunhas cifras correspondente ao presente exercicio de 2012. Así, en becas de comedor gastáronse 315.000 euros e déronse becas a uns 330 nenos cada mes, o que supón que o Concello de Ferrol subvencionou un total de 92.160 menús este ano; subiuse un 17% a partida destinada á compra de material escolar, empregando nese fin 60.652 euros e o que permitiu que 646 menores puideran ter o seu material escolar ao inicio do curso; e no apartado de Dependencia, a Concellería de Benestar Social cubriu 13.300 horas de axuda a domicilio, dando servizo a un total de 418 persoas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar