Setecentas familias accederán a Internet vía satélite coas axudas da Xunta

 

Un total de 676 familias e empresas solicitaron no prazo dun mes ás axudas da Xunta para contratar o servizo de conexión a internet vía satélite. Esta actuación corresponde á sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite. Estas axudas convocaranse de novo en 2013 e 2014.

O investimento deste ano superou os 335.000 euros e orzamento total ata 2014 é 1.077.000 euros. Este programa de axudas é posible grazas ao acordo asinado o pasado mes de abril entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de Agader, achegará o importe total das axudas euros no período 2012-2014.

 
Mar Pereira,, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

 

O SATÉLITE COMO ÚLTIMO RECURSO

Estas axudas están destinadas a aquelas familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Aos solicitantes sufragábaselles os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros, condicionado á permanencia no servizo durante un ano. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes foron gratuítos para os beneficiarios.

A maioría dos solicitantes, o 87%, contrataron servizos de internet de 8 Mbps de baixada, un 8% decantouse por un servizo de 2 Mbps e o 5% restante optou por conexións de 4Mbps de velocidade. Ademais, o 71% dos beneficiarios contratou tamén servizo de telefonía.

ZONAS DE MAIOR DEMANDA

Das 676 solicitudes realizadas, a maioría (305) corresponden a concellos da Coruña, 264 foron realizadas desde municipios da provincia de Lugo e Pontevedra e Ourense concentraron a menor demanda con 67 e 65 altas respectivamente.

As zonas con maior demanda concéntrase nas comarcas de Lugo, a Terra Chá e Sarria na provincia de Lugo, Ordes, Arzúa e Muros na Coruña, Castro Caldelas en Ourense e A Estrada, Forcarei e Lalín en Pontevedra. *
As axudas tramitáronse a través de cinco empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite, acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Quantis, Tripla, Duo Telecom, Intermax Tecnology e Eurona. Este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas, de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade

Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.

583 MIL BENEFICIADOS

O Plan de Banda Larga, posto en marcha a mediados de 2010, facilitou o acceso a Internet a máis de 583.000 galegos, que carecían deste servizo. As actuacións desenvolvidas permitiron adiantar a este ano os obxectivos previstos para 2013, xa que ao remate de 2012 superarase o 95% de poboación con acceso a Internet. Antes do Plan esta porcentaxe era do 70%.

No 2009 había en Galicia 786.000 galegos sen acceso á rede e a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% ao 2,5% que se acadará no remate de 2012.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar