Asasinan a tiros en México a un empresario de orixe galega

   O empresario do sector da hostalaría Paulino Alberto Martínez Castro, fillo de emigrantes galegos en México, foi asasinado o pasado 21 de decembro na cidade do Hermosillo, no estado mexicano de Sonora, ao recibir varios balazos a plena luz do día e na vía pública, segundo informan medios de comunicación locais.

Paulino Alberto Martínez Castro nacera en México hai 43 anos e era fillo de emigrantes galegos orixinarios da localidade de Mouriscados, no municipio ourensano de Avión, segundo confirmou a Europa Press o alcalde deste concello, Antonio Montero, quen non obstante evitou facer máis declaracións ao tratarse dun «tema moi delicado».

A vítima era director do Hotel Santiago Plaza e o seu asasinato produciuse en torno ás 13.30 horas do 21 de decembro, cando saía dunha entidade financeira e foi abordado por un pistoleiro mozo que despois se deu á fuga.

O mesmo día en que este fillo de emigrantes foi asasinado, en Hermosillo produciuse outra vítima mortal violenta e o día anterior xa se rexistrara outro homicidio. Segundo Ámbito Informativo, o número de homicidios dolosos elévase no que vai de ano nas diferentes colonias desa cidade a 80.

CIRCUNSTANCIAS

Segundo informaron medios locais, o agresor do hostaleiro chamouno por un nome que non era o seu e entón Paulino Alberto Martínez Castro intentou aclarar que non era el, pero recibiu varios disparos.

Así, a emisora radiofónica 89.7 indica na súa web que unha testemuña que pediu omitir o seu nome relatou que a vítima, en repetidas ocasións, berráballe ao agresor: «eu non son, eu non son», pero non obstante propinoulle varios disparos.

Pola súa banda, o Imparcial.com sinala que, segundo a versión de testemuñas, a vítima viaxaba nun ‘pick up’, do cal descendía cando se lle achegou un motorista que lle disparou. Non obstante, hai versións confusas, xa que outros relatos apuntan que foi perseguido por unha persoa que levaba un casco e que lle disparou en varias ocasións e se deu á fuga.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar