A Renda de Inserción Social (RISGA) increméntase nun 38%

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2013 recollen un “importante” incremento da partida orzamentaria destinada á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) para seguir a apoiar ás persoas que máis o necesitan. Así, o avanzou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras reunirse coa directiva de Federación de Bancos de Alimentos de Galicia.

Mato indicou que este aumento na partida da RISGA amosa “o compromiso firme” da Xunta coas persoas máis vulnerables. O goberno galego, explicou, marca así unha prioridade clara nos seus orzamentos do ano que ven, ampliando o crédito dirixido á RISGA en máis de 9 millóns de euros, é dicir un 38% con respecto aos orzamentos do exercicio 2012.

 

 

Así mesmo, destacou que este crédito, ao igual que o ano pasado, será ampliable para poder atender a todos aqueles que o precisen.

A conselleira sinalou que unha das prioridades do departamento autonómico de cara a 2013 será o reforzo da área de Inclusión Social. Por iso, lembrou que nesta nova lexislatura vén de crearse unha Dirección Xeral específica de Familia e Inclusión co obxectivo de “dar apoio e cobertura a todas as familias de Galicia, sobre todo a aquelas que están a vivir momentos de especial dificultade”.

Así mesmo, a titular de Benestar explicou que outro dos principais obxectivos en 2013 será aprobar a nova Lei de Inclusión Social de Galicia, que converterá á RISGA “nunha auténtica ferramenta de inserción”. Neste sentido, explicou que a Xunta está a traballar para que a situación das persoas en risco de exclusión social non se cronifique. “Para iso imos establecer unha nova RISGA por tramos que establezan os incentivos necesarios para que se produza a inserción real”, subliñou.

Por último, Mato resaltou que o Goberno galego porá “a máxima dedicación e esforzo” para mellorar e ampliar as políticas de inclusión social.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar