A promoción da marca «Galicia Calidade» chega ás grandes superficies comerciais.

 

 

A Consellería de Economía e Industria continúa coa labor de promoción da marca de garantía Galicia Calidade. Así, durante este mes de decembro, e ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2013, a sociedade pública levará a cabo unha labor de explicación aos consumidores do que aporta o distintivo a un produto así como tamén das marcas que contan co mesmo. Esta iniciativa ten lugar nos establecementos pertencentes ás cadeas de distribución de El Corte Inglés, Hipercor, Supercor, Gadis, Gadis Hiper, Eroski Hiper, Hiper, Eroski Center, Froiz, Hiper Froiz, Alcampo, Carrefour, Carrefour Express, Carrefour Market, e do Grupo Moldes.

 

Galicia Calidade entregará un agasallo promocional a todos os consumidores que merquen polo menos tres produtos amparados polo selo de garantía e entrarán, ademais, nun sorteo de 4 fins de semana no Hotel Louxo La Toja, establecemento que conta coa marca de garantía pública. Antes da entrada aos establecementos, persoal de Galicia Calidade informará de modo personalizado ao consumidor sobre a marca de garantía, entregándolle un folleto informativo, e orientando aos mesmos a buscar o distintivo de calidade nos produtos que se dispoña a mercar.

 

Máis de 55.000 contactos directos

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía persegue potenciar a relevancia da marca e achegala un pouco máis ao consumidor galego, fomentando a proba nun momento de elevado consumo como é o Nadal. A distribución das accións de promoción levarase a cabo nun total de 183 establecementos repartidos por todo Galicia e facendo especial fincapé nas cidades e vilas máis importantes. O obxectivo será o contacto directo con máis 55.000 persoas durante o desenvolvemento da acción. Así mesmo, calcúlase que se venderán, grazas a esta promoción, máis de 23.000 produtos amparados pola marca de garantía.

 

Por outro lado, Galicia Calidade tamén quere fomentar o apoio ás empresas que contan con produtos amparados mellorando o valor diferencial que supón o contar co mesmo. Ademais, todos os productos que contan coa marca de garantía aparecerán destacados nos lineais dos supermercados, mellorando a súa visibilización para o consumidor.

 

Galicia Calidade suma esta iniciativa de promoción a outra levada a cabo nos meses de verán nas zonas turísticas e que posibilitou o contacto con máis de 40.000 persoas, que coñeceron de primeira man o que significa que un produto conte co distintivo de calidade. Agora coa acción que se vai a desenvolver durante as datas de Nadal, continúa coa súa labor de promoción da marca e tamén das empresas asociadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar