A Xunta comprométese cos emprendedores

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu, hoxe, o compromiso da Xunta cos emprendedores cunha Lei do Emprendedor, no primeiro período de sesións; incentivos e axudas para o financiamento das empresas, na Lei de Orzamentos 2013 -“que imos presentar antes de que finalice este mes de decembro”-, e con máis innovación e máis internacionalización.

 

“Tal e como nos comprometemos no recente debate de investidura, un dos principais instrumentos co que nos imos dotar, nesta lexislatura, para apoiar a este colectivo será a Lei do Emprendedor, que remitiremos á Cámara no primeiro período de sesións. Pero antes desta lei, na Lei de Orzamentos do ano 2013, que estamos confeccionando e que presentaremos neste mesmo mes, empezarán a vislumbrarse os primeiros incentivos de axuda nos capítulos máis importantes que se necesita agora para emprender e que son axudas relativas ao financiamento das empresas”, explicou.

Feijóo quixo, deste xeito, transmitir a confianza do Goberno galego en Galicia e reiterou, amais, que a Xunta seguirá acompañando ao colectivo para emprender novas oportunidades a través da innovación e a través da internacionalización. “A innovación e a internacionalización van seguir sendo as pancas nas que baseemos a nosa política económica; seguirán sendo as prioridades do próximo ano”, sentenciou.

 

O titular da Xunta quixo aproveitar o acto de entrega do II Premio Xoven Empresario do Ano, para resaltar que os emprendedores en Galicia non están sos: “A vosa non é unha carreira solitaria dun corredor de fondo, senón unha andaina na que estades acompañados pola historia, pola sociedade e polas institucións galegas”.

 

“Sodes herdeiros dunha tradición que se remonta moi lonxe. Colledes a testemuña de homes e mulleres que souberon facer a nosa revolución industrial, que foron quen de internacionalizarse, que aprenderon a abrirse ás novas ideas e tendencias e que tiveron éxito. E hoxe contades así mesmo coa admiración da sociedade. A Galicia libre e moderna é consciente de que os emprendedores son un factor insubstituíble en facer país. E tamén un modelo. Na súa concepción actual, Galicia é ao mesmo tempo unha familia, un equipo e unha empresa. Unha familia unida por vencellos afectivos. Un equipo que se combina na procura de obxectivos compartidos. E unha empresa obrigada a establecer as súas prioridades, a equilibrar as súas contas, e gastar con tino e aforrar para investir con sentido común”.

 

Amais de ter o respaldo da historia e da sociedade, Feijóo incidiu en que este colectivo conta co compromiso das institucións, “porque sodes parte fundamental do presente, e sen vós non se pode concibir o futuro”. “Con cada proxecto que poñades en marcha, Galicia será máis grande. Con cada idea nova que saia do voso colectivo, estades demostrando confianza no futuro de Galicia”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar