A Xunta pecha co BCI unha operación de 80 millóns para infraestructuras en marcha

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego –a través da Consellería de Facenda- e o Banco Europeo de Investimentos (BCI) asinarán nos próximos días unha operación de crédito de 80 millóns de euros que se destinarán a investimentos en materia de infraestruturas. Esta operación, da que foi informado o Consello da Xunta, servirá para executar o programa de endebedamento da comunidade autónoma galega autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira.

Segundo Feijóo, este acordo que agora se vai formalizar, acredita “que o rigor e a eficiencia orzamentaria dan froitos en épocas de dificultade” e é a proba de que Galicia dispón de crédito “nos mercados financeiros que están pechados para a inmensa maioría das comunidades autónomas”. “Pese as dificultades que está pasando neste momento España, Galicia –insistiu- sigue gozando de crédito en entidades privadas, en entidades bancarias nacionais, en entidades bancarias internacionais e, neste caso, nada máis e nada menos que o Banco Europeo de Investimentos”.

O presidente da Xunta defendeu a senda do rigor e da eficiencia orzamentaria da anterior lexislatura, que garantiu a estabilidade e, en consecuencia, permite agora “xerar confianza aos investidores, xa sexan empresas petroleiras ou empresas automobilísticas”. “Seguimos tendo crédito, seguimos tendo unha débeda pública por debaixo da media da débeda pública do resto das administracións autonómicas e, grazas a isto, estamos conseguindo non acudir ao Fondo de Liquidez Autonómico, ao que están indo practicamente todas as comunidades autónomas salvo as de concerto”, subliñou.

Lembrou que dos 50.000 millóns de euros que se puxeron a disposición das comunidades autónomas, ben a través de créditos ICO, ben a través do Fondo de Liquidez, Galicia “pediu cero euros”. Polo tanto, a pesar da “marexada” na que está o mercado financeiro e das dificultades de financiamento de todas as administracións públicas, “Galicia sigue tendo crédito para os inversores e para os bancos tanto públicos como privados”.

Así mesmo engadiu que este camiño é “un bo sinal” para empezar a próxima lexislatura, porque, en primeiro lugar, “estamos colocando diñeiro por debaixo do interese que están pagando as administracións públicas” e, en segundo lugar, “porque beneficiamos os nosos provedores, que están cobrando en menos tempo que o resto de provedores das administracións públicas autonómicas”.

Segundo explicou, a solvencia de Galicia beneficia tamén a España na medida en que “hai comunidades autónomas que están intentando e conseguindo, de momento, un equilibro das contas públicas con ratios de solvencia que acreditan que a banca pública europea máis exixente siga confiando na comunidade autónoma”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar