O alcalde de Castrelo de Miño abandoa a executiva do Bloque

No centro, Xurxo Rodríguez, presidindo un pleno da corporación de Castrelo do Miño

O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, presentou este luns a súa dimisión como membro da Executiva do BNG, na que ocupaba a Secretaría de Formación, pero seguirá militando durante este proceso asambleario e, polo momento, tamén como membro do Consello Nacional.
Segundo el mesmo explicou en declaracións a Europa Press, os motivos polos que deixa a Executiva débese á postura que foi sentir maioritario na bisbarra á que el pertence, a de O Ribeiro, e pola que os militantes crían pertinente que dimitise non só o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, senón tamén a dirección en bloque e crear unha xestora.
Así, indicou que presentou a súa renuncia “seguindo o proceso de debate” que se iniciou na asemblea comarcal do pasado sábado en O Ribeiro, e na que “sentir maioritario” era que debería crearse unha xestora para que o debate tras os resultados electorais –nos que o BNG perdeu 120.000 votos e cinco deputados– “fose libre” e “non estivese pilotado por ninguén”.
Deste xeito, Xurxo Rodríguez enmarca esta decisión na necesidade de ser “coherente” con sentir da bisbarra e toda vez que foi a postura que el mesmo defendeu no seo dos órganos de dirección do BNG.
O alcalde de Castrelo de Miño, que goberna con maioría absoluta neste municipio ourensano, seguirá militando na formación frentista, esperando a que “conclúa este debate” interno, se ben Rodríguez forma parte desa voces críticas do BNG que xa se manifestaban discordantes coa anterior dirección.
De feito, foi un dos asinantes do manifesto de alcaldes que promoveron os rexedores nacionalistas — salvo os da UPG– no anterior proceso asambleario do BNG, partes dos cales xa abandonaron a formación frentista como é o caso do rexedor de Teo, Martiño Noriega, agora en Anova; ou máis recentemente o de Vilar de Santos, Xan Jardón, que se sumou á campaña electoral de Compromiso por Galicia.

TAMÉN OS CABEZA DE LISTA

En opinión de Xurxo Rodríguez, tamén deberían dimitir os cabeza de lista de cada unha das provincias –Francisco Jorquera (por A Coruña e candidato á Presidencia da Xunta), Cosme Pombo (Lugo), Tereixa Paz (Ourense) e Carlos Aymerich (Pontevedra)– polos “malos resultados obtidos” nos pasados comicios.
Ademais, o rexedor de Castrelo considera que a asemblea extraordinaria que celebrará o BNG, previsiblemente antes do verán de 2013, e que “non ten data” concreta, “debería ser o máis inmediata posible”.
“É necesario un BNG novo, un acto reconstituínte, con caras novas ás que xestionaron o BNG e que dean relevo para que floreza algo novo,”, manifestou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar