‘Vacacións en Paz’, a solidariedade cos rapaces saharauís

A concelleira de Educación do concello de Santiago, Rebeca Domínguez, presentou o Programa Vacacións en Paz, concibido coma un exercicio de solidariedade e axuda desinteresada cun obxectivo claro: proporcionar os nenos e nenas saharauís unhas vacacións estivais en condicións menos duras que no seu país de orixe, onde neses meses chegan a rexistrarse 50 graos de temperatura. O prazo para solicitar a acollida está aberto ata o vindeiro 15 de novembro.

Trátase de ofrecer a estes nenos que teñen unhas condicións vitais tan severas a posibilidade de coñecer formas de vida distintas, de maneira que isto contribúa tamén a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e a promover os valores de solidariedade e cooperación das familias composteláns.

Esta proposta de Vacacións en Paz atende á solicitude expresada pola Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Os rapaces e rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 12 anos e estarán en Santiago de xullo a setembro, aproximadamente.

O Concello de Santiago faise cargo das pasaxes dos nenos dende Tinduf-Alxeria a Santiago así como do regreso. Así mesmo, á súa chegada a Santiago os nenos e nenas pasan unha revisión médica no Hospital Clínico e no Instituto Galego de Oftalmología, institucións ás que a concelleira agradeceu a súa dedicación e dispoñibilidade. As familias composteláns que acollan os pequenos faranse cargo dos gastos de alimentación, vestimenta e daqueles outros que se deriven da súa estadía.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí, Maite Isla, recalcou que a maioría de nenos e nenas veñen con problemas de saúde, por iso dende que chegan a Galicia teñen unha tarxeta sanitaria e reciben unha atención médica que segue no seu pais de orixe, xa que dúas veces ao ano médicos do Sergas visitan a estes rapaces. Ademais da acollida, a asociación, que ten máis de 20 anos de vida e chegou a xestionar nalgún momento a chegada de máis de 834 nenos, pon en marcha outras actividades como unha viaxe aos campamentos de refuxiados para 160 persoas ou unha campaña de recollida de roupa e calzado.

Todas as familias interesadas en participar neste proxecto poderán obter a información necesaria no Departamento de Educación do Concello de Santiago ata o 15 de novembro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar