52.000 cazadores galegos iniciaron a tempada

A tempada ordinaria de caza 2012-2013 comezou onte, domingo con máis de 52.000 licenzas concedidas para exercer esta actividade, que se prolongará ata o 6 de xaneiro.

Segundo explicou a Xunta, os días nos que se permitirá o exercicio da caza dependerán de que se trate dunha ou outra modalidade de caza maior ou menor.

Nos tres últimos anos, os permisos concedidos na comunidade galega para cazar mantéñense por enriba dos 50.000. Este ano, por provincias, sitúase á cabeza A Coruña, con preto de 16.000 licenzas, seguida de Pontevedra, que supera as 12.000, Lugo, con máis de 11.200; e Ourense, que rolda as 11.000 licenzas.

Este domingo comeza a tempada para o coello e a perdiz. Ademais, o día 14 tamén comeza a caza do parrulo real, a galiñola negra, varias gaivotas, a arcea, a agacha e a avefría. Entre as galiformes, ademais da perdiz loura, poderá cazarse o paspallás e o faisán.

Entre os córvidos, destacan a pomba torcaza, a rula común, o corvo viaraz e a pega. Así mesmo, inclúense outras aves e mamíferos como a lebre, o raposo e o visón americano.

Os terreos cinexéticos suxeitos a un réxime especial en Galicia están formados polos Tecor, as explotacións cinexéticas e a Reserva Nacional de Caza de Os Ancares, que, no seu conxunto, supoñen máis de 2,6 millóns de hectáreas.

DÚAS XORNADAS MÁIS

O inicio da tempada de caza este domingo supón, na práctica, o incremento de dúas xornadas máis –14 e 18 de outubro– sobre os días inicialmente previstos.

A Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA) valorou este adianto de datas, posto que supón unha «vella reivindicación» dos cazadores galegos nos últimos anos.

A tempada de caza menor, segundo Unitega, preséntase cunhas «excelentes expectativas», xa que as poboacións de coello «se reproduciron de forma similar ao ano pasado». No caso da perdiz, indicaron, «pódese dicir que este ano foi excepcional para a súa cría» nas zonas nas que se mantiñan unhas densidades medias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar