As entidades públicas e privadas poderán colaborar co CeMIt

A Rede de Centros para a Modernización e Innovación Tecnolóxica, CeMIt, abre á porta a colaboración con outras entidades públicas e privadas co obxectivo de que a formación dixital gratuíta chegue ao maior número de usuarios. Esta iniciativa é froito do interese amosado por múltiples entidades en colaborar estreitamente coa Rede.

Para dar resposta a esta demanda a Axencia de Modernización Tecnolóxica, que xestiona a Rede, pon en marcha a posibilidade de que aquelas asociacións, fundacións e organismos públicos e privados,  que así o desexen, poidan participar como Entidades Colaboradoras de CeMIt mediante a compartición de recursos e o intercambio de información e experiencias que impulsen a sociedade da información en Galicia.

O obxectivo é que  mediante a coordinación e posta en común de accións e programas se creen as sinerxías necesarias que permitan unha optimización dos recursos aportados, o que beneficiará tanto á Rede CeMIT, como ás entidades colaboradoras e á poboación usuaria da Rede.

Modalidades de colaboración
Aquelas entidades interesadas en fomentar a sociedade da información en Galicia, poderán  colaborar coa Rede CeMIT mediante a modalidade que lle resulte máis adecuada. Así as entidades colaboradoras poderán empregar a infraestrutura da Rede CeMIT para a difusión dos seus proxectos en materia de alfabetización dixital ou ben do propio Catálogo de servizos e do Plan de Formación da Rede CeMIT.

Outra posibilidade será que Entidade colabore coa Rede CeMIT na adopción, xeración e implantación de novos contidos, servizos e iniciativas para á sociedade galega, ou que que achegue a súa infraestrutura á Rede CeMIT para a realización de actividades do Catálogo de servizos ou do Plan de Formación.

Toda a información sobre como adherirse á Rede como Entidade Colaboradora está dispoñible no portal iMit (http://imit.xunta.es) e na web CeMIT (https://cemit.xunta.es

Rede Cemit
A Rede CeMIT, integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos, é unha iniciativa impulsada dende a Xunta de Galicia en colaboración cos concellos galegos, que ofrece un amplo abano de servizos para potenciar o uso das TIC entre a poboación fomentando o emprego, a competitividade empresarial e o desenvolvemento rural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar