Os partidos lamentan a perda do intelectual galeguista

O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou en rolda de prensa á familia de Avelino Pousa Antelo as súas «condolencias» polo falecemento deste «intelectual galeguista».

O deputado popular quixo «acompañar» a familia de Pousa Antelo nestes «momentos de dor». Xunto con iso, sinalou a «lamentable perda» para Galicia que supón o seu falecemento.

Deste modo, fixo público o seu «recoñecemento» á figura do galeguista, que faleceu esta madrugada aos 98 anos de idade.

PSOE

O PSdeG-PSOE lamenta fondamente o falecemento do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, «que deixa un gran baleiro na cultura galega. Os socialistas galegos queren trasladar ademais o seu pleno apoio aos familiares e amigos de Pousa Antelo e acompañalos nun momento duro coma este.»

O PSdeG-PSOE salienta «o traballo incansable de Pousa Antelo na defensa de Galicia, o seu autogoberno e a súa lingua, así como o amor incondicional ao mundo agrario, ao que dedicou boa parte da súa vida.»

«Con este intelectual déixanos hoxe un persoeiro que destacou, na súa traxectoria vital, pola fidelidade e coherencia co galeguismo defendido por Castelao, con Galicia e coa súa lingua nos momentos mais difíciles», engade a nota de prensa difundida polos socialistas galegos.

 

BNG

Pola sua parte, e tamén nun comunicado de prensa, o  Bloque Nacionalista Galego expresa o seu «fondo pesar» polo falecemento do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo e asegurou que se trata dun «día de loito para Galicia».
Tras trasladar as súas condolencias á familia e amigos de Pousa Antelo, o BNG destacou o «incansable» traballo do intelectual «a favor do pobo galego, da lingua galega e do medio rural».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar