Recursos formativos gratuítos para mellorar a competitividade das pemes

 

A Consellería de Economía e Industria está a achegar ás empresas galegas a través da Biblioteca da Innovación de Galicia recursos formativos destinados a facilitar a incorporación da innovación á xestión dos seus negocios. Ata o momento xa se levan realizado preto de 5.000 descargas dos 25 textos que integran a colección, o que deixa constancia da boa acollida que está a ter este instrumento habilitado polo Igape entre as pequenas e medianas empresas.

As empresas galegas interesadas poden acceder a esta colección dixital a través da páxina web http://aprendeainnovar.igape.es, onde se ofrecen de xeito gratuíto os títulos dispoñibles en galego e castelán, tanto para Ipad ou libro electrónico como en pdf. A Biblioteca da Innovación de Galicia é unha ferramenta on line que ten por obxectivo contribuír á difusión de ideas innovadoras para facilitar, deste xeito, a mellora competitiva das empresas.

Grazas á colaboración coa editorial galega Netbiblo, esta Biblioteca de Innovación de Galicia pon a disposición dos empresarios e emprendedores que se rexistren na citada web do Igape, grazas á colaboración coa editorial galega Netbiblo, unha colección de textos nos que se abordan catro temáticas interrelacionadas: a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.

Para facilitar melloras na xestión da innovación, están dispoñibles títulos como Os Clusters, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación. Entre os estudos que abordan o ámbito da tecnoloxía están Biotecnoloxía, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, así como Web 2.0.

No eido do financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels; I+D+i en Europa, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups. No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, ou As 3R do seu negocio, con conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio.

Os novos títulos incluídos nesta colección dixital son Liderado e innovación 2.0., sobre as novas ferramentas da innovación; I-Economía, sobre a influencia de internet e a dixitalización na proposta de valor das empresas; Innovación sistemática, que pretende aprender a innovar de forma continuada; A web semántica, centrado no aproveitamento automático da información publicada en internet; Eco-Innovación, sobre a contribución da innovación ao desenvolvemento sustentable; e A internet dos obxectos, que aborda os cambios e novas oportunidades de negocio asociados á conectividade dos obxectos de uso cotián; ou A dirección por implicación na práctica.

Xunto coa internacionalización, a mellora da competitividade mediante a incorporación da innovación aos procesos e produtos constitúe un dos eixos estratéxicos de actuación que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape. A Biblioteca de Innovación de Galicia é un novo servizo gratuíto para facilitar os avances das empresas galegas neste eido.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar