«A comunidade máis solvente» mellora catro portos no que vai de mes

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, que Galicia segue a ser a comunidade máis solvente de España o que permitiu poñer, durante este mes, a disposición dos galegos infraestruturas portuarias por valor de 36 millóns de euros. “Estes días puxemos a disposición do mar 4 grandes infraestruturas: puxemos a disposición a ampliación, o dobre de superficie de dique e de atraque, no porto de Ribadeo; puxemos a disposición outro porto importantísimo de mercadorías, o porto de Brens, en Cee, para toda a Costa da Morte; puxemos a disposición un porto pesqueiro, unha vella demanda dos pescadores do Sardiñeiro, en Fisterra; e, hoxe, entregamos esta obra no Porto de Cabo de Cruz, en Boiro, con 12 millóns de euros de investimento”.

Deste xeito, Feijóo resaltou que “mentres outras comunidades teñen, hoxe, dificultades para pagar as súas nóminas, Galicia é a comunidade autónoma máis solvente; e iso non é como consecuencia dun Goberno senón como consecuencia da determinación dun pobo”. “Vamos a seguir traballando, e a seguir traballando nos portos pesqueiros e facéndoo compatible coa náutica porque entendemos que iso tamén é economía”, sentenciou.

Durante a visita ao Porto de Cabo Cruz, Feijóo subliñou que a importante mellora que se ten acometido permite cumprir dúas finalidades: prestar servizo a aqueles que viven do mar e facelo compatible cunha náutica ordenada; facer posible a convivencia entre o sector extractivo e o sector da náutica. E incidiu en que este obxectivo se conseguiu neste porto dunha forma exemplar; “e é unha honra escoitar –engadiu- como se pode facer investimento desde a iniciativa privada, sen subvencións, sen avais, sen ningún tipo de impostos dos cidadáns, é dicir, a través dunha iniciativa responsable que busca o investimento, que fai ese investimento e que paga conforme ás cotas dos socios”.

 

Neste sentido, o responsable do Goberno autonómico explicou que o obxectivo de resgardar o diñeiro público para utilizalo en beneficio dos profesionais do mar e conquerir iniciativa privada para a náutica deportiva en Galicia está dentro do primeiro Plan Estratéxico da Náutica recreativa de Galicia, presentado fai uns días. “Trátase de establecer prioridades, de concretar os proxectos de náutica viables na comunidade autónoma, pero se trata tamén de concretar as directrices ambientais, os modelos de explotación e os valores engadidos que conleva a náutica recreativa. E isto, con diñeiro privado para dedicar o diñeiro público á pesca, ao marisqueo e ao cultivo do mexillón”.

 

O titular da Xunta garantiu que o Goberno galego seguirá traballando polo sector da pesca, un sector fundamental na nosa economía; “e iso –aseverou- é compatible co sector do turismo, un sector que supón 100.000 postos de traballo e o 11% do PIB. E a náutica produce emprego; cada 100 amarres hai unha media de 13 postos de traballo entre emprego directo e indirecto”.

 

Así mesmo, e en relación ao Porto de Cabo de Cruz, o responsable autonómico avanzou que neste mesmo ano 2012 a Xunta encargará o proxecto para a instalación dos pantaláns dos bateeiros e acometer así, nos anos sucesivos, esa ambiciosa infraestrutura: ordenar a lámina de auga para que convivan os bateeiros, a pesca de baixura, o marisqueo e a náutica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar