Desviado de novo un voo Madrid-Vigo a Santiago

O voo Iberia Express das 8.30 horas entre Madrid e Vigo volveu a ser desviado ao aeroporto compostelano de Lavacolla debido á néboa que había no aeroporto, algo que no último mes, con motivo da rebaixa da categoría do sistema de axuda de aterraxe dende o pasado 2 de xullo, aconteceu en varias ocasións, como o 1 de agosto ou o 27 de xullo.

É o terceiro desvío no que vai de verán a causa da néboa en Peinador.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes de Aena, foi a única incidencia rexistrada na terminal viguesa de Peinador, posto que dende as 8.55 da mañá deste xoves se deu por concluídos os problemas meteorolóxicos ao despexar.

Precisamente, a compañía encargada deste labor xa calibra este xoves o sistema de asistencia á navegación ILS, que permanece rebaixado a categoría I dende o 2 de xullo debido á obra de adecuación do campo de voos.

Non obstante, os traballos na zona concreta onde se atopaba un dos elementos que ofrece sinais para a aterraxe xa remataron, De esta forma, agora só falta calibrar o ILS e, polo tanto, comprobar o seu bo funcionamento.

Así, este xoves realízanse estas probas para que o ILS recupere a categoría II-III, de forma que Aena espera que se poida restaurar este nivel na asistencia de aterraxe que, como se prevía, estivo nun chanzo máis baixo unhas cinco semanas.

Debido aos distintos desvíos que se produciron da terminal de Peinador, o propio alcalde de Vigo, Abel Caballero, enviou en días pasados senllas cartas a Aena e a Aviación Civil para que solucionasen os problemas que está a ocasionar no aeroporto de Peinador a «non operatividad» do sistema de aterraxe ILS.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar