Un morto nun naufraxio en Ortigueira

Un home faleceu no naufraxio dunha embarcación de recreo en Ortigueira (A Coruña), mentres que a outra tripulante foi rescatado con vida e trasladada ao porto de Cariño por Salvamento Marítimo.

O centro de Salvamento Marítimo situado en Fisterra coordinou este domingo o rescate dos dous tripulantes dunha pequena embarcación de recreo que embarrancou na praia de Fornos, en Ortigueira.

O corpo do varón foi localizado nas proximidades da zona do naufraxio e foi trasladado de inmediato polo helicóptero Pesca II ao Hospital de Burela (Lugo), onde se certificou o seu falecemento.

A outra tripulante, unha muller, foi rescatada con vida e trasladada ao porto de Cariño pola embarcación Salvamar Shaula. O centro de coordinación de Fisterra tivo constancia da emerxencia polo aviso telefónico dun particular.

De inmediato mobilizáronse a embarcación de intervención rápida Salvamar Shaula e o helicóptero Pesca II da Xunta de Galicia. Tamén colaboraron na emerxencia Protección Civil de Espasante e un kaiak que se atopaba nas proximidades do lugar do naufraxio, informa Salvamento Marítimo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar