O BNG defende o aborto no debate sobre a crise demográfica

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Manuel Parga presentou este venres a proposta desta formación para a elaboración do plan de dinamización demográfica de Galicia, no que esixe, entre outras cuestións, a inclusión dunha «memoria económica» e «garantir que a decisión de ter fillos sexa libre», con medidas de apoio á conciliación laboral, subvencións e cancelar a política de «recortes».

Manuel Parga, deputado do BNG

En rolda de prensa, o parlamentario nacionalista cualificou de «tomadura de pelo» que o plan presentado polo Goberno galego «non teña proposta económica» e tampouco «cronograma verificable». «E temos que dicir que as políticas de recorte son contraditorias con calquera avance demográfico», advertiu.

Así as cousas, os nacionalistas critican que a «solución que ofrece o PP» para a situación demográfica «pasa por apoiar a familia e impulsar a maternidade», pero «obvia aspectos clave» como a situación económica e social, ou a «revisión dos roles tradicionais como elementos centrais á hora de reverter as tendencias demográficas».

Ademais, sinala que a decisión de ser nai debe darse en condicións de «liberdade» e diagnostica como principais obstáculos para a maternidade «a situación económica e a carencia duns servizos sociais que permitan á muller non ter que renunciar á súa vida laboral».

Neste escenario, o Bloque enumera propostas referidas a «impulsar» de políticas económicas de crecemento equilibrado e «abandono de política de recortes»; considerar o problema demográfico dende todos os puntos de vista, tamén na «necesidade de deter» á xuventude do país e «atraer xuventude formada»; elaborar un plan de emprego xuvenil, promovendo que os novos egresados das universidades permanezan con plans de postgrao e investigación; e a promover o coidado dos maiores como «unha oportunidade de emprego».

En canto á crianza como «obxectivo transversal con perspectiva de xénero», sinala medidas como «sensibilización para a corresponsabilidade», apoio económico ás familias monoparentais e numerosos e apoio social á crianza como escolas e recursos de apoio para as primeira infancia.
REFORMAS LEXISLATIVAS

Para conseguir os obxectivos, o BNG propón distintas reformas lexislativas, como son normativizar medidas de conciliación que permitan a reorganización do traballo produtivo e tamén reprodutivo; derrogar a reforma laboral e o decreto de servizos sociais comunitarios; establecer o dereito de redución de xornada para o coidado de familiares con doenzas ou enfermidades graves das persoas dependentes ou establecer un modelo de inmigración ordenada que permita o asentamento de poboación doutros lugares, entre outros.

Ademais de propoñer a mellora do sistema de protección social, liñas de actuación específicas para atender as necesidades das familias e o reforzo dos servizos sociais; o BNG pide establecer axudas ou prestacións económicas «directas» ás familias con fillos, impulsar o acceso á vivenda, garantir a toda a poboación uns recursos económicos mínimos a través da Risga ou a gratuidade de libros de texto na educación infantil e ensino obrigatorio.

En canto á conciliación, os nacionalistas piden promover entre o empresariado a instauración de medidas para a conciliación da vida laboral, persoal e familiar; establecer liñas de axudas dirixidas ás empresas e valorizar as empresas que dispoñan de plan de conciliación.

Un apartado de medidas de fomento da corresponsabilización, pide a elaboración de directrices para a revisión e/ou supresión de contidos sexista e estereotipos de xénero nos libros de texto e material de apoio escolar; reclama implicar os homes ao 50 por cento no traballo doméstico e fomentar esta práctica dende os poderes públicos; e ampliar os programas de educación e orientación afectiva sexual dirixidos á xuventude.
ÁMBITO RURAL

No ámbito rural, o BNG sinala como obxectivo a «fixación da poboación nova», mediante axudas á instalación e renovación da titularidade de explotacións, entre outras medidas. Tamén aposta pro establecer acordos cos concellos, crear unha rede de servizos mínima en cada ámbito comarcal, recuperar o programa preescolar na Casa ou implantar unha rede de transporte regular adaptado ás necesidades de mobilidade e as persoas e ás peculiaridades do territorio.

Ao respecto das medidas de fomento do emprego, os nacionalistas defenden establecer un plan de emprego feminino e xuvenil, aumentar a participación no emprego dos colectivos apartados do mercado de traballo, impulsar o establecemento dun marco regulamentario de iniciativas e medidas e aprobar medidas de mellora real da igualdade laboral das mulleres, ademais doutras propostas.

Do mesmo, establece unha medida en canto aos horarios. «En lugar de acomodar o horario dos nenos ao horario laboral, habería que facer o contrario: establecer uns horarios laborais conciliables coa crianza e unha vida social activa», indica o documento.

Nunha disposición a maiores, os nacionalistas piden medidas de «seguimento» da evolución demográfica, que inclúa creación dunha comisión no parlamento, creación dunha oficina de seguimento do plan dependente de valedor ou goberno e creación dun sistema de indicadores pilotado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar