Novagalicia Banco descoñece o interese de CaixaBank por compralo

A dirección de Novagalicia Banco insistiu este martes en que «o
único escenario» que contempla a entidade «no día a día» é
«a continuidade en solitario», ao tempo que negou ter constancia do
interese de CaixaBank por facerse co banco.

Así o manifestou o director xeral de NCG Banco, Juan Díaz Arnau, en
declaracións aos medios tras presentar en Vigo o plan de financiamento a pemes.
A preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que o banco estea abocado á
poxa total ou parcial do capital, Díaz Arnau reiterou que a intención da
entidade é continuar «como proxecto autónomo e independente», e
«cos centros de decisión en Galicia».

Por outra banda, o director xeral sinalou que NCG Banco non ten
constancia do suposto interese de CaixaBank por comprar a entidade galega e, en
todo caso, recordou que a entrada de investidores é unha cuestión que «se
xestiona dende outras instancias do banco, que está ben levada e con
perspectivas de éxito».

Juan Díaz Arnau fixo estas manifestacións ao termo dun acto celebrado
ante uns 400 empresarios da provincia de Pontevedra, aos que se presentou o
plan de financiamento a pymes da entidade para o 2012.

FINANCIAMENTO A
EMPRESAS

O plan presentado polo banco contempla algo máis de 6.100 millóns de
euros para financiar a pequenas e medianas empresas, con varios obxectivos:
frear o paro e fomentar a creación de emprego, incentivar a internacionalización,
potenciar a participación en liñas de crédito de ICO e Igape, e reforzar o
apoio a sectores estratéxicos de Galicia.

Juan Díaz Arnau recalcou que a principal preocupación de NCG Banco nestes
momentos é «seguir contribuíndo ao desenvolvemento económico de
Galicia», e manterse «moi preto das familias e as pemes».
«A nosa aspiración é non deixar de falar cos clientes, e non deixar un
proxecto minimamente viable sen financiamento», recalcou.

No acto deste martes tamén estivo presente o presidente da Confederación
de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, quen pediu a
entidade financeira que «non perda a proximidade» ao tecido
empresarial da provincia, exemplo de «unidade».

Pola súa banda, o presidente do Consello Galego de Cámaras de Comercio
–e presidente da Cámara de Vigo–, José García Costas, destacou a importancia
de que o proxecto de NCG Banco salga adiante, xa que o contrario sería unha
«hecatombe» para a economía viguesa e galega.

«Temos que facer o posible para que este proxecto camiñe con paso
firme e non se vexa interrompido por decisións alleas aos intereses de
Galicia», sinalou o empresario, que tamén é conselleiro en
Novacaixagalicia.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar