‘Vikingland’, de Xurxo Chirro gañadora do Play-Doc

   O guardés Xurxo Chirro, coa súa película ‘Vikingland’, é o vencedor da sección oficial da oitava edición de Play-Doc Festival internacional de Documentales de Tui.

Carlos Muguiro, presidente do xurado internacional — composto tamén polos críticos e programadores Pamela Cohn e Nicolas Azalbert–, foi o encargado de realizar a lectura da resolución do galardón, acompañada polos directores do festival, Anxo Sánchez e Sara García; e polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a súa concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

Muguiro expuxo as seguinte razóns para elixir Vikingland: “Queremos premiar unha película que crea profundas reverberacións emocionais entre o protagonista e o cineasta, nun intervalo de 20 anos e nun sorprendente acto de xenerosidade. É unha película na que o protagonista mostra o cineasta o camiño para descubrir a súa voz propia”.

Un emocionado Xurxo Chirro recolleu o premio, consistente nunha figura de pedra e 5.000 euros, entre calorosos aplausos e agradecendo o festival e o xurado que apostasen polo seu filme. “Xa dixen ao presentala que era unha película especial e singular, cun complicado consenso en públicos e xurados,”, explicou; remitíndose á súa selección en Marsella, Jhilava, Gijón ou FICUNAM, festivais nos que foi ben recibida pola crítica sen conseguir premios.

“Feliz” por que chegase este recoñecemento, agradeceu o galardón á súa produtora Beli Martínez: “a persoa que máis me axudou nesta travesía”, comentou. Tamén quixo recordar que “o inicio de todo está en Luis Lomba ‘O Haia”, do que destacou “a súa xenerosidade”.

‘O Haia’ é o mariño mercante que protagoniza a película, feita a base de fitas recuperadas dunha videocámara coa que gravou durante máis dun ano a súa rutina embarcado. A metraxe, ordenado por Chirro lixeiramente inspirado en Moby Dick, móstrase como un documento esencial da diáspora galega, e como retrato preciso do mundo do traballo no mar.

APOSTA POR INCLUÍR FILMES GALEGOS

Con este premio, Play-Doc revalida a súa aposta por incluír filmes galegos na sección a competición internacional. Esta decisión tomou o pasado ano por vez primeira con ‘Todos vós sodes capitáns’, do galego Oliver Laxar, vencedor da edición de 2011.

Play-Doc finaliza este domingo e “todo parece indicar que se manterán as cifras de asistencia do pasado ano” apunta a organización, con máis de 5.000 espectadores nunha selección máis reducida, o que se pode ver en realidade como un aumento nas cifras, cunha media de non menos de 300 butacas ocupadas por sesión.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar