O BNG asegura sobre a crise interna que as baixas “son menos da que parecen”

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, insistiu en que as baixas na afiliación do BNG son “moitas menos das que parecen” e sinalou que a formación non terá “ningún problema en cuantificalo a nivel público” cando conclúa este proceso.

Despois da fin de semana en que a corrente Máis Galiza decidiu escindirse do Bloque cun 69% dos votos da asemblea, Vázquez fixo fincapé en que “a inmensa maioría da afiliación do BNG segue e seguirá no Bloque”.

“Cando conclúa este proceso non teremos ningún problema en cuantificalo a nivel público”, apuntou ao respecto, antes de reiterar que son “moitas menos baixas” das que parece.

Ademais de Máis Galiza, Encontro Irmandiño, a corrente liderada polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, abandonou o BNG o pasado 12 de febreiro.

DEBATE SOBRE O ESTADO DA AUTONOMÍA

En canto á intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no debate do estado da Autonomía, o líder nacionalista criticou que “sexa incapaz de formular nin unha soa proposta para intentar unha xestión mellor”.

“Se dun debate do estado de Galicia, a grande conclusión que hai que sacar é que dous concellos se van fusionar, xa me dirán, porque eu non coñezo ningunha proposta”, reprobou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar