Medidas contra a seca en Galicia

Encoro de Eiras. en Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o
Goberno galego está a elaborar un protocolo de actuación contra a seca
para dar resposta aos problemas que poidan xurdir, tanto no ámbito do
abastecemento de auga como no sector agrogandeiro; un protocolo que,
segundo sinalou, de persistir a actual situación de escaseza de choivas,
se porá en marcha a finais de marzo. O mandatario autonómico adiantou
que esta iniciativa terá unha especial atención ao sector agrogandeiro
galego e que “as priorizacións de pago no ano 2012” serán o seu eixe
vertebrador. “Xa lles anticipo –anunciou Feijóo-, que este mes de marzo
imos adiantar máis de 21 millóns de euros para que os gandeiros teñan
inmediatamente unha inxección de liquidez de 21 millóns de euros no
primeiro trimestre do ano 2012”.

Durante a rolda de prensa tras o
Consello da Xunta, o presidente galego lembrou que estes últimos meses
están sendo extraordinariamente secos, tras un ano, o 2011, o segundo
máis seco dos últimos 50 anos, segundo os datos de Meteogalicia, o que
está a producir “un impacto económico e un impacto social en Galicia”. A
escaseza de choivas, unida ás fortes xeadas en moitas zonas da
comunidade, obriga á Administración galega “a incrementar a alerta en
dous sentidos: primeiro, facendo un seguimento dos caudais dos ríos e
tomando as medidas que sexan oportunas no ámbito do abastecemento; e,
segundo, atendendo aos efectos desta situación, que está impactando de
forma especialísima no agro e no sector agrogandeiro”, sinalou o titular
da Xunta.

Por iso, engadiu, “estamos elaborando ese protocolo
para poder dar resposta aos problemas que poidan xurdir”. “A Xunta
proponse traballar con antelación e con prevención e activa o protocolo
de actuación entre as Consellerías de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas; e a Consellería do Medio Rural e do Mar”, abondou.

Especial atención ao sector agrogandeiro
“Estamos
tentando concretar todas as medidas, todas as actuacións e neste
momento poñemos en marcha o protocolo de actuación que presentaremos, de
persistir a seca, no mes de marzo”, enfatizou Feijóo, lembrando que
“hai distintas alternativas que estamos manexando, basicamente unha das
alternativas máis claras que estamos manexando é a inxección de liquidez
ás explotacións agrogandeiras”. “Estamos priorizando, vendo as axudas,
vendo distintas opcións. Trátase de buscar liquidez e anticipar as
axudas e as subvencións e as ordes da Consellería da Comunidade
Autónoma, pero tamén de establecer un mecanismo de coordinación co
Ministerio de Agricultura, sendo este, sen dúbida, o ministerio máis
potente desde o punto de vista competencial e desde o punto de vista de
capacidade orzamentaria”, engadiu Feijóo ao respecto.

Implicación de todos no consumo responsable da auga
“En
definitiva –asegurou-, estamos traballando con prevención e esta
prevención implica a todas as administración e a todos os cidadáns”,
remarcou Feijóo sinalando que, no ámbito do abastecemento cómpre
traballar “sen alarmas, pero con prevención”. “É certo que o
abastecemento de auga a grandes poboacións está garantido, pero hai que
ser precavidos”, argumentou Feijóo remarcando que “é preciso que nos
concienciemos de que estamos ante unha situación delicada que require o
compromiso de todos”, xa que “non hai perspectivas de choivas nos
próximos días”.

“É certo que non estamos nunha situación de
alarma, aínda, pero si claramente nunha situación de alerta. Precisamos
dunha temporada prolongada de precipitacións neste mes de marzo e
seguintes, cousa que as predicións meteorolóxicas non garanten cos datos
que temos actualmente”. Por iso, Feijóo transmitiu “a necesidade de que
todos, sen excepcións, fagamos un consumo responsable da cada gota de
auga” e fixo un chamamento a todos os galegos “a que consumamos
responsablemente a auga que utilizamos para as tarefas domésticas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar