Aparece unha inscricion romana na Muralla de Lugo

 

Durante os labores de restauración do peza denominada  “cubo LXXVII” da estructura da Muralla de Lugo  atopouse unha inscrición romana ata agora descoñecida e agora anunciada polo conselleiro de Eduación e Cultura, Xesús Vázquez,durante una visita ás obras

Os técnicos que estaban a realizar estes traballos de exhumación da escaleira de acceso ao cubo descubriron unha lousa duns 80 cm de longo coa inscrición que se amosa adxunta.

A inscrición aparece na parte central da fotografía

 

Este achado está situado xustamente na parede do descanso, nunha posición central, enfronte do primeiro tramo das escaleiras, a unha altura de 1,25 metros. Segundo os estudos iniciais, os primeiros carácteres refírense á ex officina (do obradoiro); o seguinte pode ser un nexo de dúas (VP) ou tres letras (VLP) aos que habería que engadir unha ‘I’, e polo tanto a lectura sería VPI ou VLPI (de VLPIUS). Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural están estudando esta inscrición, que consideran que podería referirse a unha contrata da Muralla, da construción ou da restauración. Neste senso, é posible que estes carácteres podan facer mención ao dono dun taller.

O descubrimento produciuse a raíz dunha intervención que está realizando a Consellería de Cultura e Educación tras detectar unha patoloxía provocada polo empuxe das terras que enchen o espazo da escaleira romana do cubo LXXVII, sobre o muro da cara interior da muralla que estaba afectando a un inmoble residencial. En virtude do informe técnico, a Dirección Xeral de Patrimonio considerou que a mellor opción era escavar con metodoloxía arqueolóxica a escaleira romana do cubo LXXVII, consolidando o lenzo do muro que pecha a escaleira contra o edificio residencial existente, impermeabilizando a fábrica e repoñendo o recheo ata o nivel do adarve. Durante a execución dos citados traballos é cando aprace esta inscrición romana.

 

POSTA EN VALOR
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural destinou un total de 166.000 euros para a realización de tres actuacións urxentes neste ben histórico: a intervención xa mencionada de impermeabilización da escaleira do cubo LXXVII; a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII; e a construción dunha nova rampla no contorno da Casa Torre que mellorará as condicións de accesibilidade a este ben histórico. As obras iniciáronse o pasado mes de decembro e está previsto que se rematen no vindeiro mes de maio.
O conselleiro de Cultura e Educación destacou que ademais das inversións para a rehabilitación e posta en valor, “a Xunta de Galicia garante que este ben Patrimonio da Humanidade conservarase nas mellores condicións grazas ao Plan de Mantemento por catro anos para a Muralla de Lugo que aprobou recentemente este goberno”. Segundo Vázquez Abad, “este plan conta cun orzamento total de 896.000 euros que garantirá o coidado e preservación dun ben histórico único no mundo”.

As primeiras actuacións deste plan foron dirixidas á supervisión completa do estado de conservación de cada unha das partes máis significativas, lenzos, adarve, rampla e escaleiras e instalación de iluminación. A continuación executouse un traballo eminentemente técnico, para cualificar os problemas e valorar a orde de prioridade e urxencia. No relativo aos traballos de retirada da vexetación, estes serán realizados conforme ao Plan de Mantemento, executando os tratamentos biocidas e a retirada de vexetación segundo a programación do mesmo.

Doutra banda, tamén se realizará unha limpeza da pedra e se retirará a vexetación do paseo peonil (adarve), escaleiras e dos muros exteriores e interiores dos cubos e lenzos. Asemade, elaborarase un informe anual de seguimento do tratamento, supervisando o monumento e realizando tarefas de mantemento mensuais. Este plan tamén inclúe o mantemento da instalación eléctrica, da iluminación e dos elementos construtivos .

Con esta visita para seguir de cerca os traballos na Muralla de Lugo, o conselleiro Xesús Vázquez Abad da conta do interese do seu departamento pola posta en valor e conservación dun ben patrimonio mundial e símbolo da cidade de Lugo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar