200 euros de axuda para obter o carné de conducir

 

Un «amplo abano» de actividades dentro da programación deste ano que chegará a uns 190.000 mozos e mozas, grazas a un orzamento de 10 millóns de euros. A programación estará baseada no fomento da participación; na mobilidade xuvenil; no fomento do voluntariado e nos programas de ocio alternativo, fundamentalmente.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que presentou en rolda de prensa a programación do seu departamento dirixida á mocidade para este ano 2012. Entre as principais novidades deste ano, destaca que por primeira vez se porá en marcha unha liña de axudas destinadas a axudar aos mozos e mozas desempregadas a obter o carné de conducir. Esta convocatoria contará cun orzamento de 200.000 euros e prevé chegar nesta primeira edición a uns 1.000 mozos e mozas.

Durante a rolda de prensa, a titular do departamento autonómico fixo fincapé tamén no resto das principais novidades da programación deste ano: ademais das axudas ao carné; o novo programa de mobilidade xuvenil «Galeuropa»; e a rede de dinamización xuvenil. Adiantou tamén que se aumentará o orzamento do programa Iniciativa Xove, así como do programa de voluntariado xuvenil.

Con respecto ás axudas do carné de conducir, Mato explicou que esta será unha subvención de 200 euros. Ademais, vincularase a axuda á superación dun curso complementario de responsabilidade na condución, nunha aposta pola seguridade viaria. En definitiva, o obxectivo é favorecer a empregabilidade dos mozos e mozas contribuíndo a mellorar o seu currículo mediante a obtención do carné de conducir.

Outra das principais novidades é a posta en marcha do programa de mobilidade Galeuropa, que contará cun orzamento de 530.000 euros e ofrecerá a 200 mozos e mozas a posibilidade de realizar prácticas laborais en cinco países europeos: Irlanda, Italia, República Checa, Alemania e Francia.

Esta iniciativa inscríbese na aposta do departamento por fomentar a mobilidade como unha «oportunidade única de educación non formal, que incide no coñecemento de idiomas e de culturas». Neste sentido, Mato adiantou que este ano ofreceranse diversos programas de mobilidade (Xuventude en acción, Mogal, Xuventude no mundo..), o que permitirá xestionar máis de 2.350 prazas de mobilidade ao longo deste ano.

A terceira novidade máis salientable, segundo destacou Mato, é o fomento da participación xuvenil, un obxectivo que se acadará ao completar a Rede de dinamización xuvenil, unha «estratexia pioneira en España que vai estar presente en todas as comarcas de Galicia». Estes equipos ocúpanse de fomentar o emprendemento, a participación social, a creatividade, o asociacionismo e o voluntariado entre a mocidade galega a través da organización, este ano, de 100 obradoiros, 54 foros de debate, 9 mostras de emprendemento e talento xuvenil; e diversas accións de información, participación e voluntariado.

Iniciativa Xove

Por outra banda, Mato concretou que na programación deste ano reforzaranse diversos eidos. Por exemplo, o programa Iniciativa Xove, que financia actividades deseñadas polo propios mozos e mozas (ben a través de asociacións como de agrupacións informais), aumentará o seu orzamento ata os 705.000 euros, o que supón un incremento do 57 por cento desde 2010. Este programa permitirá financiar 270 iniciativas xuvenís.

Ademais, tamén se fomentará o voluntariado xuvenil. De feito, o orzamento neste eido triplicarase ata os 210.000 euros. Isto significará incorporar a máis de 1.000 mozos e mozas a diferentes proxectos e suporá a realización de 60.000 xornadas de acción voluntaria. Cabe lembrar que os participantes poderán formalizar esta experiencia, a través dun certificado oficial, segundo os termos recollidos na nova Lei de acción voluntaria de Galicia, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento o pasado mes de novembro.

No que se refire aos prazos, a conselleira precisou que tanto a orde de Iniciativa Xove, como a de fomento de voluntariado xuvenil e a do carné de conducir serán convocadas nas próximas semanas. A estas sumarase a orde de axudas para as oficinas municipais de información xuvenil e proxectos de voluntariado, de 700.000 euros. Deste xeito, nas próximas data sairán publicadas catro convocatorias de axudas que superarán os 1,8 millóns de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar