Maior promoción de Galicia como destino turístico ante a perda de usuarios nos aeroportos

O Goberno galego pretende mellorar a estratexia de promoción dos aeroportos galegos, potenciado nunha primeira fase os de Alvedro e Peinador, co obxectivo de frear a caída de viaxeiros que se está a rexistrar, para o que investirá arredor de un millón na terminal de Vigo e outro tanto na de Coruña en campañas directas no ámbito nacional e internacional, buscando unha eficacia que, segundo o conselleiro  Agustín Hernández, non están a aportar os contratos de patrocinio vinculados ás compañías aéreas.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras  unha xuntanza con representantes do sector da hostalería e o turismo de Galicia para explicarlles esta nova estratexia e trasladarlles as actuacións da Xunta na promoción turística do noso territorio a través dos aeroportos.

Sinalou que o Goberno galego vai continuar co reparto equitativo e equilibrado das axudas que se poidan implementar para a promoción das tres terminais, pero a través dun novo esquema que se desenvolverá en dúas fases.

Na primeira fase, ata o ano 2013, o investimento nos aeroportos de Peinador e Alvedro estará dirixido a potenciar e dar a coñecer ambas infraestruturas nas cidades coas que teñen conexións directas parta captar mais viaxeiros, dado que os contratos de patrocinio coas compañías low cost non amosaron ser efectivos. Nesta fase manterase o convenio con Rayanair en Santiago, xa que a Xunta ten un contrato asinado con esta compañía ata o ano 2013 que non pode rescindir.

Nesta primeira fase, o investimento será equilibrado para cada aeroporto, cun orzamento no ano 2012 de un millón de euros en cada terminal. A partires do ano 2013, aplicarase o novo criterio con carácter xeral para promocionar o destino Galicia a través das tres terminais.

O conselleiro asegurou que “se trata de promocionar Galicia para que o maior número de turistas visiten o noso territorio. Vincular a promoción turística a un determinado número de conexións non foi eficaz, xa que estamos a comprobar unha diminución dos usuarios”. Para a Xunta de Galicia, é fundamental consolidar as liñas existentes antes de investir en novas conexións que non aportan pasaxeiros.

Hernández agarda contar coa colaboración das compañías aéreas, ás que se invitará a participar nas campañas que se leven a cabo, así como coa participación do Concello da Coruña e do Patronato Rías Baixas, que xa amosaron a súa boa disposición. Así mesmo, manifestou a súa esperanza de que o Concello de Vigo tamén se sume a esta iniciativa.

“Temos identificado cal foi o funcionamento dos contratos de patrocinio vinculados a rutas aéreas e non temos dúbida de que non unha estratexia operativa. O operativo é ser capaces de encher os avións e incrementar o número de conexións” a base de facer atractivo o destino Galicia. “Este é o camiño e aí estaremos e invitaremos aos concellos a que se sumen”, afirmou.

A Secretaría Xeral para o Turismo elaborará agora a estratexia coas accións concretas que se levarán a cabo en cada aeroporto, co obxectivo de ter finalizado o documento entre os meses de marzo e abril.

Entre as diversas accións que se poderán levar a cabo, o conselleiro citou accións dirixidas ao público final, presentacións a turoperadores, campañas en medios, deseños de paquetes turísticos e outras actuacións que se realizarán nos aeroportos e cidades que teñan voos directos a Galicia para potenciar a nosa comunidade como destino turístico.

..

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar